Skip to main content
Lugo

O Concello de Lugo promove unhas xornadas sobre ‘adiccións sen substancias’

Por 13 Marzo, 2021Sin comentarios

Unhas xornadas online sobre adiccións sen substancias son a nova iniciativa que o Servizo Municipal de Drogas de Lugo porá en marcha co fin de ofrecer á mocidade lucense unha alternativa de ocio e entretemento “acorde non só á súa idade senón tamén encamiñada ao seu propio benestar e coidado persoal”, segundo explicou este sábado a concelleira de Muller, Igualdade e Xuventude, Ana González Abelleira.

A actividade, que se desenvolverá desde o vindeiro luns día 15 ao xoves 18, poderá seguirse a través da web www.lugomasxti.org.

A doutora en Psicoloxía, Patricia Gómez Salgado, iniciará as charlas, dirixidas a un público xuvenil, profesionais e familias, co relatorio ‘Relacións e redes: practiquemos o bo trato’.

Sobre relacións dixitais, sexualidade, contidos e hipersexualidade falará a psicóloga Janet Díaz Portela, mentras que o psicólogo Iván Pico abordará o tema dos videoxogos, xogos de apostas e redes sociais.

Completa o cartel o delegado de Participación Cidadá da Comisaría da Policía Nacional en Lugo, Rubén Darío Veiga, que afondará nos riscos e perigos das redes, así como as súas as responsabilidades penais.

Unha vez rematados os relatorios, as persoas que así o desexen poderán trasladar as súas dúbidas empregando o enderezo electrónico prevenciondrogas@lugo.gal.