Skip to main content
Lugo

O PP de Lugo propón para os vindeiros festivos un itinerario por edificios abandonados

Por 15 Marzo, 2021Sin comentarios

Mapa que presentaron os populares

O PP de Lugo apúntase á ‘Urban Exploration’ (Urbex) e propón para esta ponte de San José e para os días festivos da Semana Santa sumarse “á moda de visitar lugares abandonados e sen uso do concello de Lugo”.

Os populares presentaron este luns, diante da Fábrica da Luz, un mapa onde localizan “edificios abandonados, espazos sen utilidade ou perdidos, e mesmo mobiliario urbano que non serve para nada” e que está “diseminado por toda a cidade”, para que os lucenses participen na coñecida como ‘Urban Exploration’. Este mapa, explicou o voceiro municipal do PP, Ramón Carballo, “serve para visibilizar a falta de planificación, a desidia e os despropósitos” do goberno local.

Como outros edificios industriais “fantasmagóricos e ideais para a práctica do Urbex” sinalaron o vello matadoiro e a vella depuradora, que están en Conturiz, ou a antiga potabilizadora, en Meilán. Tamén as torres do Garañón, “unha edificación que a alcaldesa prometeu derrubar e converter en zona verde pero que segue aí, como un muro inalterable por tempo indefinido, dado que non figura nin un euro nos orzamentos deste ano para a súa derriba”.

O percorrido polos edificios abandonados de Lugo que propón o PP tamén pasa polo novo auditorio da cidade, en Magoi, porque leva catro anos acabado e aínda “seguimos sen saber para cando teñen previsto abrilo”, o anfiteatro do campus e o Cuartel de San Fernando.

MOBILIARIO URBANO ABANDONADO

Os elementos de mobiliario urbano “abandonados e diseminados por toda a cidade” tamén forman parte desta iniciativa “para facer un tipo de turismo diferente pola cidade”, porque “temos os 63 parquímetros de ORA destartalados e ocupando a vía pública, cinco bases inútiles do programa de Rebicíclate en diferentes puntos da cidade, quioscos de Cogami destartalados e tamén numerosas marquesiñas e postes de autobuses deteriorados”.

Nese mapa de lugares abandonados tamén inclúen “outros espazos públicos perdidos como o xardín dous coios que está na parte de atrás do Cuartel de San Fernando, o parque biosaudable do polígono de As Gándaras, o miradoiro da Volta da Viña, a cafetería do miradoiro do Parque do Miño, a unión do paseo do Miño co Rato ou as escaleiras do parque Marcos Cela, que acaban en ningún sitio, ou o parque dos Paxariños”.

Carballo afirma que “é necesario ter un proxecto de cidade único e non perderse en competicións e contraprogramaciones de actos para vender proxectos con cuño socialista ou nacionalista”. Nese sentido, o portavoz popular defendía a “necesidade de abrir, recuperar e manter o que xa temos antes de empeñarnos en novas construcións que quizá neste momento moitos as cuestionan por non consideralas prioritarias”.