Skip to main content
Lugo

Ciudadanos propón un programa municipal de atención ás familias monoparentais en Lugo

Por 16 Marzo, 2021Sin comentarios

Ciudadanos de Lugo levará ao vindeiro pleno unha proposta para poñer en marcha un programa municipal de atención ás familias monoparentais.

O concelleiro Juan Vidal-Pardo explica que “as consecuencias da actual crise sociosanitaria están tendo un impacto moi preocupante sobre as familias monoparentais. De feito, o 42,9 % deste tipo de familias están en risco de pobreza a nivel nacional, unha situación que representa á perfección a situación que se vive en Lugo onde gran parte deste tipo de familias sobrevive grazas á axuda externa ao núcleo».

Desde Ciudadanos ven “necesario” que o Concello “impulse iniciativas que revirtan a ausencia dun recoñecemento legal deste modelo de unidade familiar, xa que están instaladas nun limbo administrativo que as mantén en desventaxa comparativa ante as medidas urxentes excepcionais tomadas ante a crise da covid”. Unha mostra diso é, segundo Vidal-Pardo, a ausencia dun regulamento específico que articule e protexa este modelo de familia no concello de Lugo.

Así, a formación laranxa solicitará ao grupo de goberno a posta en marcha dun programa específico de atención ás familias monoparentais, que recolla, entre outras cuestións, “o trato como familia numerosa con polo menos dous fillos, a condición de vulnerabilidade, garantía habitacional e axilización de trámites e burocracia para este tipo de núcleos familiares”.

Proporán ademais que o Concello consigne unha partida específica para proporcionar recursos para a conciliación, apoios domiciliarios puntuais para as saídas básicas, e posibles solucións de urxencia ante a imposibilidad de afrontar pago de alugueres, hipotecas ou subministros.