Skip to main content
Lugo

O novo auditorio de Lugo levará o nome de ‘Fuxan os Ventos’

Por 18 Marzo, 2021Outubro 31st, 2021Sin comentarios

O novo auditorio de Lugo chamarase ‘Fuxan os Ventos’, segundo anunciou este xoves a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro.

“Fuxan os Ventos é un dos grupos musicais galegos máis importantes nas últimas décadas, que no vindeiro ano 2022 cumprirá 50 anos desde a súa formación. E desde a área de Cultura do Concello de Lugo quixemos lembrar esta data, dándolle tamén ao novo auditorio un especial significado de apoio ás agrupacións culturais galegas e lucenses”, explicou a responsable de Cultura.

Fuxan os Ventos tivo durante toda a súa carreira un alto compromiso social, “chegando á sociedade galega con mensaxes comprometidas coas distintas problemáticas das galegas e galegos” e “apostando tamén pola lingua galega”.

O grupo naceu no ano 1972 a partir da unión de varios rapaces e rapazas que cantaban no coro do Colexio Menor do Santísimo Sacramento de Lugo. O seu primeiro nome, Folk72, foi deixado de lado despois de gañar o primeiro premio no III Festival Musical das San Lucas de Mondoñedo co tema Fuxan os Ventos.

O PP CRITICA “A FALTA DE CONSENSO”

Tralo anuncio do nome elixido para o auditorio, o PP de Lugo amosouse “indignado” porque o goberno bipartito local, e nomeadamente o BNG, acordase o nome “sen consenso”.

O voceiro do grupo municipal popular, Ramón Carballo, lamentou que os nacionalistas queiran “impoñer o seu criterio” sin escoitar as propostas dos demais grupos da corporación e reclamou a convocatoria dunha xunta de portavoces para abordar un asunto “que afecta ao conxunto da cidadanía”.

O PP aposta polo nome dunha muller para o novo recinto cultural da cidade, “xa que son moitas as mulleres lucenses que teñen destacado na cultura galega e nacional”.