Skip to main content
Lugo

Convocan unha xuntanza para desbloquear o proxecto da intermodal de Lugo

Por 22 Marzo, 2021Marzo 23rd, 2021Sin comentarios

A Xunta vén de convocar a comisión de seguimento da estación intermodal de Lugo co obxectivo de desbloquear o proxecto, no que están implicados, ademais do Goberno galego, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, a través de Adif, e o Concello.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade propuxo ao Concello de Lugo e a Adif, que a xuntanza técnica teña lugar o vindeiro mércores, 24 de marzo, ás 10.00 horas.

Na xuntanza, o Goberno galego adianta que reiterará as súas propostas para solucionar o asunto que mantén bloqueada a colaboración entre administracións para o impulso conxunto da estación intermodal de Lugo: o financiamento do aparcadoiro subterráneo planificado por Adif por necesidades da nova estación ferroviaria e que se prevé situar baixo a estación de autobuses que executará a Xunta.

Para o Goberno galego, a mellor opción é que o Ministerio de Transportes, a través de Adif, financie esta infraestrutura con cargo aos fondos europeos de reconstrución ante a pandemia da covid-19.

Como alternativas, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade reiterará a súa proposta de contribuír cun 10% do custo ao financiamento dese aparcadoiro subterráneo, ou que este se execute en superficie,  o que abarataría considerablemente a obra.

Estas tres propostas, din desde a Xunta, foron xa trasladadas a Adif o pasado mes de outubro, “sen que, ata o momento, o administrador ferroviario remitise unha proposta”.

Na xuntanza participarán tamén técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural,  co obxectivo de trasladar, unha vez máis, a información sobre o procedemento que debe seguir o Concello de Lugo para descatalogar o edificio de Correos que Adif prevé demoler para  construír o novo edificio ferroviario.