Skip to main content
Lugo

Novos cortes na Nacional VI en Lugo polos traballos de construción da pasarela peonil

Por 22 Marzo, 2021Marzo 24th, 2021Sin comentarios

Traballos para a instalación da nova pasarela peonil

O Concello de Lugo informou de que o vindeiro mércores, a partir das 22.00 horas, pecharase ao tráfico o ramal de saída da N-VI en dirección á Coruña. O corte débese aos traballos que se están a levar a cabo para a construción da nova pasarela peonil sobre a estrada, e prevese rematar antes do amencer.

Fontes municipais explican que o mércores, a partir das 22.00 horas, se executarán os remates da pintura no vano central da ponte aproveitando o inicio das restricións nocturnas de mobilidade, “o que implica unha menor afluencia de vehículos”. Indican ademais que o corte se sinalizará debidamente con antelación e que se ofrecerá un desvío alternativo aos usuarios da vía, polos ramais de saída.

Deste xeito, en dirección á Coruña, o tráfico desviarase polo ramal de acceso á gasolineira GALP e a Avenida dos Deportes. Pódense incorporar á N-VI dando a volta á rotonda existente nesa saída. No caso dos vehículos que circulen en dirección Madrid, serán desviados polo ramal de acceso ao centro comercial e pódense incorporar á N-VI de novo bordeando a rotonda existente ao carón do aparcamento do Anxo Carro.

Con nova pasarela sobre a N-VI, na que se inviste preto de un millón de euros, créase un novo itinerario para peóns e bicicletas que favorecerá a continuidade do casco urbano de Lugo á zona do río Miño, pois na actualidade soamente existen accesos peonís mediante pasos inferiores.

Desde o goberno local salientan que a pasarela mellorará ademais a comodidade e seguridade de acceso ao Miño e ao estadio Anxo Carro, dando resposta, ao mesmo tempo, a unha vella demanda da cidadanía lucense.