Skip to main content
Cultura LUGOXALugo

Unha mostra repasa os 25 anos do Espazo de Danza da USC en Lugo

Por 24 Marzo, 2021Sin comentarios

Xa se pode visitar no museo universitario Domus do Mitreo, en Lugo, a mostra fotográfica ‘A danza do tempo’, que repasa o primeiro cuarto de século de vida do Espazo de Danza da Universidade de Santiago de Compostela (USC). A exposición é o resultado dunha colaboración entre o director do Espazo de Danza, Juan Carlos Zahera, e a lucense afeccionada á fotografía Chus Varela.

O traballo que culminou nesta mostra, de 20 fotografías, levouse a cabo durante tres anos, un tempo no que se tomaron as imaxes de persoas ligadas ao Espazo de Danza da USC en “lugares senlleiros, cando non emblemáticos, da nosa historia como galegos e galegas”, explica Juan Carlos Zahera.

Coa danza como fío condutor, a mostra mestura de xeito harmónico imaxes captadas en espazos naturais como As Médulas ou recantos arquitectónicos, como a Igrexa da Universidade, con fotografías nas que se xoga con elementos e materiais: terra, auga, lume… A  mostra, di o director, contribúe a proxectar o carácter experimental e innovador do Espazo de Danza da USC, como “servizo pioneiro na universidade española”.

‘A Danza do Tempo’ recolle imaxes de bailaríns e bailarinas que son parte da historia e artífices do crecemento do espazo artístico universitario, ao tempo que actúan como protagonistas deste singular proxecto compartido con bailaríns profesionais, docentes e estudantes. O obxectivo, render unha particular homenaxe ao traballo desenvolvido no Espazo de Danza da USC e todas as persoas que forman parte da súa traxectoria.