Skip to main content
Lugo

As luces da Muralla apagaranse mañá na ‘Hora do Planeta’

Por 26 Marzo, 2021Sin comentarios

A muralla iluminada

O alumeado ornamental da Muralla, así como as luces da Casa Consistorial e do Pazo de San Marcos, apagaranse mañá durante unha hora, de 20.30 a 21.30 horas, sumándose á iniciativa ‘A hora do planeta’.

O Concello de Lugo e a Deputación queren amosar deste xeito o seu apoio á organización para a defensa da natureza WWF, que este ano baixo o lema ‘Na hora do planeta, conéctate coa natureza’, pretende mobilizar a tódalas cidades do mundo para demostrar o apoio global contra o cambio climático.

A alcaldesa, Lara Méndez, convida á veciñanza a adherirse á iniciativa cun pequeno gran aceno como é apagar a luz unha hora esa tarde, co fin de que “todas e todos contribuamos á defensa do medio ambiente, unha responsabilidade que nos incumbe e nos afecta, de forma xeral, como sociedade”, afirmou.

INICIATIVA POLO MEDIO AMBIENTE

A iniciativa ‘A Hora do Planeta’, promovida por la Asociación WWF comezou no 2007 en Sidney, como un xesto simbólico para chamar a atención sobre o problema do cambio climático. Un sinxelo xesto que consiste en apagar as luces de fogares, negocios, edificios e monumentos durante unha hora. Unha acción que cos anos converteuse nun movemento mundial do que xa forman parte miles de cidades de 188 países, que en pasadas edicións apagaron máis de 17.000 monumentos e edificios emblemáticos.

‘A Hora do Planeta’ une a cidadáns, empresas, concellos e institucións para loitar contra o cambio climático e a perda de biodiversidade, na que é a maior iniciativa mundial na defensa do medio ambiente.

Debido á actual alerta sanitaria por mor da covid , dende WWF tomouse a decisión de cancelar todos los actos de rúa previstos para esta xornada, pero dende esta asociación ecoloxista continúase pedindo que se apaguen as luces dos fogares, dos monumentos e os principais edificios públicos de España na xornada deste sábado.

E sendo acordes coa situación actual de pandemia mundial, dende WWF, ademais do apagado de luces símbolo da Hora do Planeta, propóñense diferentes actividades para realizar desde a casa, e que se poden atopar na web www.horadelplaneta.es.

ENDOMETRIOSE

A rexedora lucense explicou tamén que, a excepción do tempo que dura a ‘Hora do Planeta’, o edificio do Concello, na Praza Maior, lucirá a xornada do sábado de cor amarela co fin de visibilizar a endometriose.

Esta acción lévase a cabo coincidindo coa celebración do Día Mundial desa enfermidade, que afecta ao 10% das mulleres en idade fértil, ao redor de 60.000 galegas, e en resposta á petición trasladada pola Asociación “querENDO. Mulleres con endometriose”.