Skip to main content
Lugo

Chega a Lugo a mostra itinerante sobre a infancia de Xela Arias

Por 26 Marzo, 2021Outubro 31st, 2021Sin comentarios

A exposición inaugurouse este venres en Lugo

A mostra itinerante sobre Xela Arias, ‘Aquela nena de Sarria’, pode verse xa na Biblioteca Provincial de Lugo. Trátase dun proxecto desenvolvido polo Colectivo Egeria para dar a coñecer a figura da poeta, á que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.

A exposición, que conta co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Universidades e coa colaboración do Concello de Sarria e maila Real Academia Galega, chega a Lugo despois de iniciar o seu percorrido na Casa da Cultura de Sarria e visitar os distintos centros educativos do municipio. Permanecerá na Biblioteca Pública, na avenida Ramón Ferreiro, ata o vindeiro mércores 31 de marzo.

FOTOGRAFÍAS FAMILIARES

Composta por doce paneis, a exposición ‘Aquela nena de Sarria’ reflicte a época sarriana e lucense de Xela Arias, a súa querenza por Sarria e o rural, o seu vencello coa lingua galega e o empeño en que se recoñecese Xela como o seu nome real.

A exposición complétase con fotografías aportadas pola familia da poeta e por unha serie de debuxos da pintora Sabela Arias. Ademais inclúe poemas de alumnos dos institutos Xograr Afonso e Gregorio Fernández de Sarria, así como de compañeiros poetas do municipio e do resto de Galicia.