Skip to main content
Lugo

O Concello de Lugo destina 1 millón de euros a un novo plan de axudas para autónomos e empresas

Por 29 Marzo, 2021Marzo 31st, 2021Sin comentarios

A alcaldesa e o concelleiro de Desenvolvemento Local presentaron hoxe o novo plan de axudas

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, vén de anunciar un novo Plan de Reactivación Económica de axudas directas a empresarios e autónomos afectados polas restricións sanitarias da pandemia da covid. O plan porase en marcha o vindeiro mes de abril e  mobilizará un millón de euros.

A rexedora lembrou que este é o segundo plan que desenvolve o Concello de Lugo tras o Plan Reanima Lugo, “dotado de cinco millóns de euros e que foi o primeiro que se puxo en marcha en Galicia, o 15 de marzo, e o primeiro que comezou a pagar as axudas aos sectores”.

Co Plan Reanima, lembrou Lara Méndez, “inxectamos liquidez a máis de 3.300 beneficiarios nun momento onde, por culpa dos peches obrigados polo confinamento, necesitaban afrontar o pago das súas facturas e poder manter as súas empresas en pé”. Salientou ademais que no caso destes dous programas de axudas, como tamén nos de asistencia social extraordinaria que artellou o Concello de Lugo, “actuamos só con recursos municipais, xa que a Xunta non está a canalizar cara as administracións locais nin un só euro das subvencións millonarias que recibe do Goberno central para asistir nesta emerxencia sanitaria, incluídas as axudas directas para pemes e autónomos, neste caso, 234 millóns de euros que son os que veñen para Galicia”.

As axudas  da nova convocatoria, que Lara Méndez considera de “necesidade imperiosa”, van dirixidas a aquelas actividades económicas consideradas máis prexudicadas pola covid, tomando como base a normativa autonómica relativa ás medidas de prevención e restrición pola cal son afectadas, “para desta maneira contribuír á reconstrución da nosa sociedade e fomentar a estabilización da economía lucense”. As axudas situaranse en contías fixas de 1.000 a 2.000 euros por beneficiario.

A iniciativa mobilizará un total de 1.060.000 euros, o que supón o 1% do Orzamento Municipal para este 2021. “Foi o compromiso que adquirimos como goberno local tras a negociación fallida coa Xunta, onde os municipios defendiamos que, debido ás graves consecuencias económicas tras varias ondas de contaxios, todas as administracións aportásemos a mesma porcentaxe dos nosos presupostos para axudas directas, concretamente o 1%, o que suporía unha aportación de 116 millóns para salvar empregos en vez dos 75 millóns que finalmente moverá o Goberno galego”, sostivo Lara Méndez.

DÚAS LIÑAS DE AXUDAS

O Plan de Reactivación establece dúas liñas de axudas directas a autónomos, microempresas ou pemes con domicilio fiscal no Concello de Lugo.

LIÑA A. Axudas a empresas que realicen actividades económicas obrigadas ao peche temporal total, que recibirán unha axuda de 2.000 euros por beneficiario se ten 5 ou máis traballadores, e 1.500 euros se ten menos de cinco.

Nesta categoría entran hoteis e aloxamentos similares (turísticos e outros de curta estancia, cámpings, etc), establecementos de hostalería e restauración, empresas vinculadas coas artes escénicas e as súas auxiliares, as dedicadas á creación artística e literaria,  xestión de salas de espectáculos, de actividades de museos e bibliotecas ou instalacións deportivas e ximnasios, entre outras.

LIÑA B. Axudas a empresas que realicen actividades económicas obrigadas ao peche temporal parcial. A contía desta liña, na que se inclúen todo tipo de comercios e de axencias de viaxes, principalmente, é de 1.000 euros por beneficiario.

Para este Plan de Reactivación, o Concello de Lugo establecerá un novo procedemento, máis áxil,  tanto na presentación das solicitudes por parte dos interesados como para a súa resolución, “pois xa contamos coa experiencia previa do Plan Reanima e, polo tanto, aplicaremos unha mellor adaptación da súa tramitación a través da nosa sede electrónica, que será a única vía para acceder ás subvencións”, incidiu a rexedora.

O procedemento de concesión non terá a consideración de concorrencia competitiva, dado que polo obxecto e pola finalidade das axudas non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

A concesión realizarase por rigorosa orde de entrada (data, hora, minuto e segundo) das mesmas no rexistro electrónico do Concello, e tras a comprobación da concorrencia na persoa ou entidade solicitante dos requisitos sinalados, até o esgotamento do crédito.

A presentación de solicitudes deberá de realizarse a partir do día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Lugo (BOP). O Concello traballa coa previsión de que se abra o prazo na terceira semana deste mes de abril.

As bases do Plan de Reactivación deberán aprobase en Xunta de Goberno Local e a incorporación do millón de euros a través de remanentes aprobarase nun próximo pleno extraordinario.