Skip to main content
As Nogais

Estudan a implantación dun punto limpo móbil en As Nogais

Por 13 Marzo, 2021Sin comentarios

Dotar a As Nogais dun punto limpo móbil foi un dos asuntos que o alcalde do municipio, Jesús Núñez, abordou nunha reunión coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que se comprometeu a analizar a posibilidade de colaborar no financiamento deste servizo para mellorar a xestión do lixo doméstico.

A Consellería ten previsto publicar este ano unha nova convocatoria de axudas para financiar proxectos municipais destinados a implementar novas medidas de xestión dos residuos e da recollida e tratamento da fracción orgánica. Por iso, a responsable autonómica emprazou ao rexedor a presentar o seu proxecto cando saia a nova orde, grazas á cal poderá optar a unha subvención coa que financiar ata o 100% do custo desta nova instalación móbil, destinada á recollida de residuos especiais porta a porta a través dun vehículo industrial dotado con caixa volquete.

Jesús Núñez manifestou o esforzo do Concello das Nogais por seguir mellorando o servizo municipal de xestión dos residuos domésticos, un obxectivo que se vería reforzado coa implantación dun novo punto limpo móbil, xa que con el mellorarán as taxas de recollida, evitaranse os puntos de vertido incontrolado e darase un novo servizo á cidadanía, tanto no rural como na zona urbana.

A finais do ano 2019, As Nogais serviu de banco de probas para un proxecto autonómico demostrativo de compostaxe doméstica, dirixido a núcleos rurais de áreas dispersas e illadas para a xestión in situ e individual da fracción orgánica dos residuos xerados nos fogares.