Skip to main content
A FonsagradaNegueira de MuñizRibeira de Piquín

A Fonsagrada, Ribeira de Piquín e Negueira de Muñiz únense para potenciar o turismo

Por 12 Marzo, 2021Marzo 16th, 2021Sin comentarios

Semieira de Vilagocende, na Fonsagrada

Os concellos da Fonsagrada, Ribeira de Piquín e Negueira de Muñiz veñen de unirse no portal terrasdeburon.es para promocionar conxuntamente os seus recursos turísticos e económicos, con fondos que recibiron no marco do Plan Único da Deputación.

Os tres Concellos traballaban desde finais de 2019 nesta iniciativa, co ánimo de unir esforzos para promocionar os territorios, a riqueza patrimonial e os establecementos hostaleiros da comarca, pero a acción semella cobrar máis relevancia aínda na actual situación sanitaria.

“Viamos que somos tres concellos con características similares e con problemas de visibilidade, polo que decidimos apostar por potenciar o turismo dun xeito conxunto. A día de hoxe paréceme que é unha grande aposta, porque damos tamén un apoio importante a un sector que está padecendo a actual situación sanitaria dun xeito especialmente acuciante”, recoñece o alcalde de Negueira de Muñiz, José Manuel Braña.

Na mesma liña se manifesta o rexedor da Ribeira de Piquín, Roberto Fernández, tendo en conta ademais que a crise sanitaria fai que o turismo de natureza estea en alza. Os turistas, di, “cada vez se decantan máis por grandes territorios, natureza, actividades ao aire libre e tranquilidade, e eses son os nosos recursos. Os tres concellos temos moito potencial turístico, que de xeito individual se defende peor, pero dun xeito conxunto cremos que lle podemos sacar máis proveito”.

Para o alcalde da Fonsagrada, Carlos López, a nova web supón unha “aposta de futuro” dos tres municipios. “Temos detectado que o turismo rural non quere estancarse nun sitio determinado e con esta promoción conxunta ampliamos a oferta e confiamos en atraer máis visitas, sobre todo cando se vaia recuperando a normalidade. O sector hostaleiro ten ademais unha grande implantación nos tres concellos e agora conta tamén con esta ferramenta para a súa promoción”, explica.

O presidente da Deputación, José Tomé, que asistiu ao acto de presentación da nova web celebrado este xoves na Fonsagrada, felicitou aos tres alcaldes por esta iniciativa. “Non hai como traballar da man para lograr obxectivos comúns máis ambiciosos dos que podemos acadar en solitario”, transmitiulles.

PRESENZA EN REDES SOCIAIS

A web terrasdeburon.es difunde xa a oferta, actividades de lecer, gastronomía, historia e cultura da Fonsagrada, Ribeira de Piquín e Negueira de Muñiz. Ademais, permite que os establecementos hostaleiros e turísticos dos tres municipios se promocionen de xeito gratuíto, ao tempo que ofrece diferentes rutas de sendeirismo e lugares emblemáticos de interese para os visitantes.

Os contidos desta plataforma estarán en continua renovación e actualización e apoiaranse tamén nas redes sociais para facer promoción do territorio e lanzar a zona como un paquete turístico.