Skip to main content
Monforte

Monforte acolle este xoves a representación de ‘Feminíssimas’

Por 23 Marzo, 2021Decembro 13th, 2022Sin comentarios

Novo xoves de teatro en Monforte, no marco da actividade cultural deseñada polo Concello para o primeiro trimestre deste ano. Desta volta, porase en escena a cuarta das obras previstas para adultos, ‘Feminíssimas’, da compañía De Ste Xeito Producións. A representación será o xoves 25,  ás 20.15 horas, no Edificio Multiusos.

‘Feminíssimas’ é unha obra composta por Esther F. Carrodeguas, dirixida por Xavier Castiñeira e interpretada por Stephy Llaryora, Noelia Blanco e a propia Esther F. Carrodeguas. As actrices póñense na pel de tres amigas da adolescencia que fai anos que non se ven e que teñen tres xeitos ben distinto de entender o feminismo. Esa é a base do espectáculo, unha peza con altas doses de humor, ironía e complicidade para poñer a amizade a proba.

O prezo da entrada xeral para esta obra é de cinco euros, e tres para as persoas desempregadas, xubiladas e estudantes. O aforo máximo do salón é de 110 persoas.

PROTOCOLO FRONTE Á COVID

Para o desenvolvemento deste ciclo de teatro , o Concello de Monforte conta con medidas de seguridade e protección ante a covid. Así, a capacidade do salón do Edificio Multiusos dependerá da situación sanitaria no momento, sendo agora dun máximo de 110 persoas. Será ademais obrigatorio o uso de máscaras e do xel hidroalcohólico.

A venda de entradas farase desde unha hora antes da actuación e a entrada ao salón permitirase desde trinta minutos antes do comezo da obra. O espectador non poderá tomar asento ata que o acomodador lle indique o seu sitio.