Skip to main content
Bóveda

A rehabilitación do muíño dos Fernández, en Bóveda, prevese rematar este ano

Por 1 Marzo, 2021Marzo 5th, 2021Sin comentarios

O alcalde de Bóveda e a directora do Agader, na visita ao muíño

A Xunta de Galicia levará a cabo a rehabilitación do muíño dos Fernández, en Bóveda, pola súa importancia etnográfica e os traballos prevense rematar ao longo deste mesmo ano.

Así o adiantou este luns a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé, durante a visita á zona na que se desenvolverá o proxecto, e na que tamén estivo o alcalde de Bóveda, José Manuel Arias. A actuación, que conta cunha subvención de 40.000 euros por parte do Goberno autonómico, enmárcase nos traballos de posta en valor do conxunto etnográfico do núcleo do Souto que está a executar o Concello bovedense.

O coñecido como muíño dos Fernández pode encadrarse na definición de muíño de río, pero o certo é que ten unha serie de peculiaridades e características diferenciais que son as que impulsan a súa recuperación como elemento do patrimonio cultural nunha área de importante valor natural. A familia propietaria cedera esta construción de xeito totalmente gratuíto.

Os muíños de río son un dos compoñentes etnográficos máis identificativos da paisaxe rural de Galicia, como construcións vencelladas coa vida agraria e pola súa importancia para garantir o desenvolvemento económico das zonas nas que se asentaban.

O Concello de Bóveda leva anos dedicado á posta en valor dos seus principais elementos etnográficos, como foi o caso da Ferrería de Penacoba ou a restauración do Muíño do Xil.