Skip to main content
Cultura RIBEIRASACRAXADeportes RIBEIRASACRAXAMonforte

Entrevista: “O éxito do Quixós radica na nosa filosofía de facer deporte”

Por 7 Marzo, 2021Febreiro 13th, 2023Sin comentarios

Santi Díaz, director deportivo do Quixós

O club Quixós de Monforte botou a andar no ano 2000 como un club de montañismo. Un par de anos despois fundábase a sección de piragüismo, que se foi centrando na modalidade de augas bravas. Co paso do tempo, o Quixós conseguiu situarse na elite do deporte nacional, onde permanece inamovible. O club arranca o ano con 60 deportistas, cos que o futuro do piragüismo en Monforte parece estar máis que asegurado.

Falamos con Santi Díaz, director deportivo do club desde o ano 2002.

Como se iniciou no mundo do piragüismo?

Empecei polo meu irmán, que comezou a remar e, por afinidade ou por competir un pouco con el, empecei eu tamén. Fíxeno un pouco tarde, porque comecei con 18 anos. Non me foi mal, pero igual se comezara antes puidérame haber ido mellor.

Que lle aporta o piragüismo?

Sobre todo é un deporte en contacto coa natureza, e iso presta moito. É ademais un deporte individual, aínda que tamén se compite como equipo nas diferentes competicións. E, despois, na nosa modalidade de augas bravas, a adrenalina creo que é o que nos acaba de enganchar realmente.

Que lle diría alguén que se está plantexando comezar no piragüismo?

Que se anime, porque é un deporte moi sinxelo, que non require unha condición física específica e ademais pódese practicar a calquera idade. É un deporte moi doado.

Cantas fichas federativas ten o club Quixós na actualidade?

Actualmente temos 60 fichas federativas e agardamos chegar ao máximo que acadamos o ano pasado, que foron 78. Chegar ou superar ese número. De todos os xeitos, na situación que está o deporte coa covid, estou moi contento de ter chegado ás 60 fichas no mes de febreiro.

Ten futuro o piragüismo en Monforte?

Si, en principio si. De feito, no Quixós máis que dedicarnos ao deporte de alto rendemento, que o fixemos pero requiría moita atención, nos últimos anos decidimos dedicarnos ao deporte en si, e sobre todo na canteira. A día de hoxe no club hai moitos nenos e nenas. De feito, desde os 6 ata os 16 ou 17 anos, igual supoñen o 50% do club.

Participan ademais nun proxecto para achegar o piragüismo aos centros educativos…

Si, o ano pasado paralizouse un pouco polo tema da covid e o confinamento. Iamos retomar en xaneiro, pero polo gromo que houbo en Monforte retrasámolo de novo. Empezaremos en abril ou maio, que ademais acompañan máis as temperaturas para meterse no río. Temos dous institutos pechados xa, só falta confirmar a data na que iremos a cada un pero xa está concretado. Nos anos que levamos con este proxecto tivemos moi bos resultados, quizais non no momento que facemos o curso, pero si a posteriori, rapaces que estiveron na charla e que logo veñen a practicar.

O club Quixós está na elite do piragüismo galego, e mesmo nacional, onde está o segredo do éxito?

Eu creo que está na nosa filosofía de facer deporte, de enganchar aos rapaces por aí, máis que nun adestramento estricto e buscando resultados. Creo que funciona, porque os éxitos que tivemos cos rapaces que chegaron á selección foron porque estaban enganchados ao deporte e con gañas de mellorarse a sí mesmos.

Como lles está a afectar a pandemia?

Cando foi o confinamento no ano pasado estivemos facendo adestramentos online, grazas á Federación Galega de Piragüismo, que puxo a disposición dos clubes unha plataforma para elo. Durante as restricións máis recentes, os deportistas que compiten a nivel nacional podían seguir adestrando, e os autonómicos comezaron fai un par de semanas. Os máis pequeniños estaban desexando voltar. De feito, volveron todos, que ese era un medo que tiñamos que, ao cortar a relación directa do club coa actividade, algún prefirise quedar na casa xogando á consola. Por sorte parece que están bastante enganchados e iso non pasou. Volveron coa mesma enerxía de sempre ou incluso máis.

Que volvan a retomarse as competicións, é un estímulo para os deportistas?

Ter competicións á vista obviamente é un estímulo. Os rapaces que comezaron a finais de 2019, que non tiveron competición no 2020 nin ata o de agora, están desexando ver como é. Os que xa competiron xa saben o que hai, xa saben como é isto. En xeral hai que estimulalos un pouquiño para evitar o tema de ‘para que vou a entrenar se non temos competición?’, pero como temos tamén a facilidade de que dentro das augas bravas temos varias modalidades, cambiamos de vez en cando para estimulalos.

E como se presenta este ano en canto a competicións?

O mes pasado estivemos no campionato nacional, que se celebrou en Mondariz. Para ir tivemos que facer todos os tests de antíxenos. Só tiñamos tres deportistas nesas categorías, pero subimos aos cadetes, que poden subir unha categoría a junior, e participaron eles, máis que nada para ir preparando tamén as súas probas a nivel nacional que serán en xuño. A idea era que fosen collendo algo de rodaxe porque non tiveron competicións o ano pasado.

O 11 e 12 de abril estaremos en Pons e Camarasa, en Lérida, nos campionatos de descenso e augas bravas. A ver como está a situación nesas datas para ver cantos nos podemos desprazar e demais. Nós témonos que desprazar antes aos sitios para ver o río, baixar cos rapaces, etc. Agora a incertidume non está só na competición, senón en cantos podemos levar no furgón que temos para os desprazamentos, o aloxamento, se poden estar xuntos ou non… é complicado.

Que agardan para esta tempada?

Este ano, en descenso, como subiron ao equipo absoluto 3 dos infantís que eran campións de España creo que temos moitas posibilidades de estar arriba na Liga nacional, en posicións de podio. En xóvenes promesas, en slalom, tamén temos a Noa Díaz, que é campioa de España infantil, a Efrén Álvarez que estivo en moi bos postos, e Jacobo Rodríguez que vén moi forte. Eu creo que podemos estar moi arriba con dous ou tres rapaces porque teñen moi bos resultados xa de 2019.

Unha das carencias que achaca o club desde fai anos ten que ver coas instalacións, como está a situación?

Seguimos igual ou peor que estabamos. A instalación coa que contamos no Parque dos Condes houbo un tempo que chegaba, pero agora estamos desbordados, tanto a nivel de almacén como de vestiarios. En canto a almacén, temos que ter 30 barcos fóra, nunha nave dun dos membros da directiva do club, porque xa non entran na instalación, e dous simuladores de paleo que temos para corrixir a técnica fóra da auga están no meu garaxe. E logo, os vestiarios, porque sobre todo no feminino xa apenas había espazo, e agora coas medidas de seguridade fronte á covid, moito peor. Falouse fai tempo co Concello, incluso o alcalde estivo vendo as instalacións e dixo que se terían en conta as necesidades, pero por agora seguimos sen noticias ao respecto.

Outra das queixas ten que ver co estado do río en Monforte, que ademais é o seu escenario principal de traballo…

O tramo urbano está moi contaminado, hai uns 8 ou 9 desauges que verten directamente no río. Parece ser que hai un estudo en canto ao aliviadoiro que ten o colector de augas fecais e que o van sacar de aí, non sei… Eu levo 38 anos remando e probablemente estes últimos anos son nos que peor está o río. Nós xa nos queixamos en varias ocasións, pero este non é un problema só dos piragüistas.

GALERÍA DE FOTOS