Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

O Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra repartirá 25.000 euros en premios

Por 31 Marzo, 2021Abril 1st, 2021Sin comentarios

Ábrese hoxe, mércores día 31, o prazo de presentación de propostas para o Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra, que este ano acada a súa sétima edición e incrementa a contía dos premios.

Semente Ribeira Sacra busca con este certame proxectos innovadores “para desenvolver o medio rural e poñer en valor os seus recursos”. Terán preferencia os proxectos vinculados coa Ribeira Sacra, pero os organizadores aclaran que o concurso está aberto a calquera persoa física que teña unha idea empresarial destas características.

Os emprendedores que decidan optar a estes premios poden rexistrar as súas iniciativas ata o vindeiro 30 de xuño a través da web sementeribeirasacra.org. A inscrición é de balde. O 15 de xullo, o xurado dará a coñecer as dez propostas que acceden á fase final do certame.

Os proxectos que se presenten ao certame deben cumprir algúns requisitos, como incluír o título, unha descrición xeral, un resumo da oportunidade do proxecto e os seus puntos fortes, así como unha descrición temporal das fases ou prazos que suporía a súa implantación.

Os proxectos completos das propostas que resulten seleccionadas deberán presentarse antes do 30 de setembro, e o fallo do xurado darase a coñecer o 16 de outubro, sempre que as circunstancias o permitan. Os autores deberán facer unha presentación fronte ao xurado, ben presencialmente ben por vía telemática.

Nesta sétima edición do concurso, Semente Ribeira Sacra aumenta a dotación dos tres premios que se concederán, e que quedan fixados en 12.000 euros, 8.000 euros e 5.000 euros, respectivamente.