Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

A Deputación apoia o tramo do Camiño de Inverno por Torbeo e Vilachá de Salvadur

Por 30 Marzo, 2021Sin comentarios

O pleno da Deputación deu este martes o visto bo a unha proposta do goberno provincial para reclamarlle á Xunta de Galicia o recoñecemento oficial do trazado orixinal do Camiño de Inverno ao seu paso por Torbeo-Vilachá e Rozavales. A proposta saíu adiante cos votos a favor do PSdeG e BNG e a abstención do PP.

A proposta insta á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a atender unha reclamación formulada en xuño de 2020 pola asociación de veciños e veciñas de Vilachá de Salvadur, na Pobra do Brollón, con este fin. “Sumámonos co noso apoio, logo de que nos respectivos concellos saíra adiante esta iniciativa, como forma de reivindicar o noso pasado e aproveitar unha ferramenta de futuro”, explicou a voceira socialista do goberno provincial, Pilar García Porto.

O itinerario pasa polas parroquias de Torbeo, no concello de Ribas de Sil, Vilachá de Salvadur, na Pobra do Brollón, e Rozavales-Vilamarín-Caneda e Santa Mariña do Monte, no concello de Monforte de Lemos.

“Non se cuestiona o actual percorrido da ruta, senón que se propón que pervivan ambos no futuro como rutas alternativas, como sucede con outros puntos do Camiño”, matizou García Porto. Para o goberno provincial, o Camiño de Santiago “supón unha oportunidade e temos que ter en conta que a actual situación ten afectado dun xeito especial ao sector turístico, polo que debemos planificar de cara o futuro para axudar á recuperación do sector no momento en que as circunstancias o permitan. Cremos que esta decisión pode marcar a diferencia para este territorio”.