Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

Abre o prazo de solicitude das axudas para a mellora e reconversión de viñedos

Por 31 Marzo, 2021Sin comentarios

A Consellería do Medio Rural abre o prazo para solicitar as axudas para a mellora e reconversión dos viñedos. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicaba onte a orde destas axudas, que se poderán solicitar, de xeito telemático, durante un mes a contar desde hoxe.

O Goberno autonómico destina a esta liña de subvencións 3 millóns de euros, a distribuír ente os anos 2021, 2022 e 2023, con 500.000 euros, 1,25 millóns e 1,25 millóns, respectivamente.

Os beneficiarios destas axudas poderán ser persoas viticultoras inscritas no Rexistro Vitícola de Galicia (RVG), cunha viña de ata 10 hectáreas. As achegas aplicaranse a explotacións onde se leven a cabo reimplantación de viñas, reconversión varietal e  melloras das técnicas de xestión.

A orde desta liña de axudas establece ademais que cada viticultor seleccionará o seu propio calendario de execución, sendo anual -ata o 31 de maio de 2022- ou bianual -ata o 31 de  maio de 2023-, con ou sen anticipo.

De igual xeito, Medio Rural valorará a contratación de seguros agrarios para a uva, así como a concentración de superficies vitícolas nunha única parcela.

O obxecto destas axudas é “aumentar a competitividade” dos produtores vitivinícolas, “mellorar os sistemas de produción sostibles” e a “pegada ambiental” do sector. En concreto, preténdese diminuír os custos de produción das explotacións e redimensionalas. Tamén se subvencionarán actividades para fomentar a adaptación das variedades ás demandas do consumidor ao tempo que se preservan as autóctonas galegas.