Skip to main content
Quiroga

Quiroga acolle esta semana a mostra ‘O fin do Camiño’

Por 30 Marzo, 2021Decembro 13th, 2022Sin comentarios

A mostra abriuse esta mañá en Quiroga

A mostra ‘O fin do Camiño’ pódese ver desde este mediodía na Casa da Cultura de Quiroga, onde permanecerá ata o vindeiro 5 de abril. Está organizada polo colectivo Egeria e conta coa colaboración do programa ‘O teu Xacobeo’.

A exposición recompila fotografías de Eduardo Ochoa e Carlos Puga quenes, a través desas imaxes, “reflicten especiais visións dos Camiños a Compostela, arredándose das visións turísticas e centrándose nos aspectos humanos e monumentais, dos que se destacan os detalles máis sobranceiros“.

Cada un dos dez paneis dobres que compoñen a mostra inclúen ademais breves glosas á ruta xacobea de Urbano Lugrís, Dante, Frei Luis de León, Tirso, Machado ou Cunqueiro, entre outros.

Os textos están redactados en galego, castelán e inglés, e abordan o tema do ‘fin do camiño’ como expresión dos sentimentos que moven ao peregrino a emprender este camiño milenario.

En palabras do presidente do colectivo Egeria, Xulio Xiz, esta é “unha exposición pensada nos peregrinos e para os peregrinos, unha visión desde fóra do fenómeno da peregrinación e de cal é o fin e o motor que move aos peregrinos desde fai máis de mil anos a camiñar a Compostela”

A mostra, que agora se pode ver en Quiroga, chega á localidade no percorrido que durante este ano está a facer polos concellos polos que discorren os Camiños de Inverno, Primitivo, Norte e Vía Kunig. O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, destacou que esta iniciativa “dá a posibilidade de encher e dinamizar aqueles pobos que apostaron polo Camiño de Inverno”.