Skip to main content
A Pobra do BrollónCultura RIBEIRASACRAXA

Un estudo reforza a “singularidade mundial” dos bancais da Ribeira Sacra

Por 31 Marzo, 2021Sin comentarios

Os traballos leváronse a cabo na ribeira de Vilachá de Salvadur

A directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, María del Carmen Martínez Insua, e o director de Incipit-CSIC, Felipe Criado, presentaron este mércores na Pobra do Brollón os resultados das primeiras datacións nas terrazas da Ribeira Sacra, que sitúan a súa orixe no século X e permiten reforzar a súa orixe e evolución histórica como paisaxe vitivinícola.

Tratáse, como explicou a representante do Goberno autonómico, dun estudo “de especial relevancia que permite achegar evidencias científicas da orixe destes elementos singulares da Ribeira Sacra”.

Os traballos, encargados pola Xunta, foron realizados polo Instituto de Ciencias del Patrimonio del Consejo Superior de Investigaciones Científicas (Incipit-CSIC) na ribeira de Vilachá de Salvadur, na Pobra do Brollón. Enmárcanse no proxecto ‘Adegas da Memoria’, que promoven o Concello da Pobra do Brollón e a Asociación de Veciños de Vilachá de Salvadur.

Segundo estas actuacións, as datacións máis antigas da mostraxe identificáronse no século X, en época altomedieval, o que constata que o proceso de construción de terrazas remóntase a épocas pre-Císter. Realizáronse un total de 110 mostras recollidas e repartidas en cinco sondaxes en cuxa distribución influíron criterios como que houbera catas preto e lonxe do río, distintos graos de pendente ou distancia do xacemento de Os Conventos. Tratábase de facer o mostrario o máis diverso posible para poder comprobar como foi crecendo en extensión a explotación agraria.

Ademais das datacións, este proxecto levou a cabo dúas campañas de escavación no xacemento de Os Conventos, un estudo etnográfico entre os veciños e o estudo da documentación medieval referente a esta parroquia ribeirá. Os dous achados máis reveladores desta escavación coinciden tamén no século X: un enterramento no que se localizaron restos humanos e unha lauda funeraria con inscrición. Ademais de coincidir no tempo coas datacións dos bancais, revelan un uso sacro dese espazo.

No acto de presentación, celebrado este mediodía na Casa da Cultura da Pobra do Brollón, participaron tamén o alcalde do municipio, Xosé Lois Maceda; o presidente da Asociación de Veciños de Vilachá de Salvadur, José Castiñeira; a edafóloga Cruz Ferro (ICArEHB da Universidade de Algarve); e o arqueólogo Xurxo Ayán (Instituto de História Contemporânea da Universidade Nova de Lisboa).

EVOLUCIÓN HISTÓRICA

Tal e como se pode concluír das datacións, da escavación de Os Conventos e da documentación, este proceso de expansión continúa ao longo dos séculos. Analizando os datos das mostras, revélase tamén que no século XIII hai unha intensificación na construción de bancais para cultivo na ribeira de Vilachá. No século XVI, volve haber outro pico de intensidade na construción de bancais, algo que demostran estes estudos, que permiten realizar unha evolución histórica destes elementos.

Na actualidade o lugar de Os Conventos, xunto ás adegas tradicionais de Vilachá, configuran un recurso turístico no que se pode coñecer a historia e catar o viño deste territorio dun xeito respectuoso e harmónico. Dentro do proxecto de ‘Adegas da Memoria’ tamén é posible visitar Vilachá de xeito virtual a través dunha webserie homónima. Acaba de ser estreada a terceira tempada que trata precisamente a investigación do Incipit-CSIC arredor das terrazas vitivinícolas (https://adegasdamemoria.com/gal/2021/03/29/t3-ep-1-a-canteira-dos-sonos/).