Skip to main content
Deportes RIBEIRASACRAXAMonforte

Autorizan a asistencia de público ás competicións deportivas federadas en Monforte

Por 24 Marzo, 2021Outubro 31st, 2021Sin comentarios

O alcalde de Monforte, José Tomé, asinou un decreto que modifica o protocolo de uso das instalacións deportivas municipais e que permitirá, a partires da fin de semana, a asistencia de público ás competicións federadas.

O Concello de Monforte aprobara un protocolo específico de uso de instalacións deportivas para competicións federadas na xunta de goberno local celebrada o día 14 de outubro de 2020 ante a previsión, dalgunhas federacións deportivas, de inicio de competicións oficiais. Ese protocolo inicial non contemplaba a posibilidade da asistencia de público a competicións oficiais, pola situación da pandemia e maila normativa reguladora daquel momento.

Dende entón, indican desde o goberno local, a situación da pandemia pasou por diferentes fases ata chegar á situación actual, que é de menor incidencia. “Por estes motivos e coa intención de dar un paso máis na procura de certa normalidade no que á práctica de actividade deportiva se refire, dende o Concello imos permitir o acceso de público a competicións deportivas federadas de carácter oficial, tendo en conta o establecido na orde do 17 de marzo de 2021 pola que se establecen medidas específicas como consecuencia da evolución epidemiolóxica derivada da covid en Galicia”, explicou Tomé.

O rexedor monfortino adiantou a súa intención de asistir ao primeiro partido do Club Lemos, que recibirá ó Ribadeo FC, o vindeiro domingo 28 de marzo.

O PROTOCOLO

Segundo a modificación do protocolo, no campo municipal da Pinguela permitirase a asistencia de 220 espectadores, no pavillón municipal poderá haber un máximo de 91 espectadores, e no campo municipal Luís Bodegas o límite será de 83.

Os cálculos de capacidade, explican desde o goberno local, foron levados a cabo por técnicos municipais tendo en conta que cada persoa que ocupa un dos asentos da grada ten garantida a distancia de seguridade de 1,5 metros nas catro direccións e sen superar o 30 % da capacidade máxima permitida.

No caso de instalacións deportivas nas que se leven a cabo dous partidos á vez, a capacidade permitida para cada un dos encontros será do 50 % do total autorizado.

Co fin de evitar aglomeracións, a distribución dos asistentes será homoxénea polos asentos e haberá unha planificación axeitada para controlar os accesos e o fluxo de circulación dos asistentes. Debe preverse a apertura de todas as portas dispoñibles coa antelación suficiente.

Cada entidade deportiva deberá levar un rexistro das persoas autorizadas para acceder ás instalacións como espectadores en cada competición. Esta listaxe deberá estar a disposición do Concello de Monforte ou das autoridades sanitarias, no caso de ser requirida, cumprindo coas normas de protección de datos de carácter persoal.

As persoas espectadoras que acudan ás instalacións deportivas municipais deberán facer uso de máscaras en todo momento e permanecer sentados nos asentos habilitados na grada. Non está permitida a asistencia de público de pé.