Skip to main content
Cultura RIBEIRASACRAXADeportes RIBEIRASACRAXAMonforte

Entrevista: “Confiamos en poder retomar o noso campus de voleibol este verán”

Por 28 Marzo, 2021Febreiro 13th, 2023Sin comentarios

Yolanda Maciñeiras é a presidenta do CV Ribeira Sacra

O voleibol non é un deporte máis en Monforte, que pode presumir de ter contado cun equipo feminino na máxima categoría desa modalidade deportiva en España. O AD A Pinguela deu paso ao actual CV Ribeira Sacra, que apostou por centrarse nas categorías de formación, das que saen xogadoras que triunfan na elite do voleibol en todo o mundo. Cada ano, ata a actual situación sanitaria, o club viña organizando ademais un campus, para familiarizar aos máis pequenos con esta disciplina deportiva que segue levantando paixóns no municipio, e que este verán confían en poder recuperar.

Falamos con Yolanda Maciñeiras, a presidenta do CV Ribeira Sacra, da traxectoria e dos proxectos de futuro do club.

Como entras en contacto co CV Ribeira Sacra?

Entro en contacto cando a miña filla, sendo alevín, empeza a xogar no club.

Como xorde a oportunidade de convertirte na presidenta?

A anterior directiva buscaba relevo para que o club seguira adiante. As fillas de moitos dos membros da anterior directiva eran maiores e non lles quedaban moitos anos no club, así que buscaban que os pais das máis pequenas empezaramos tamén na directiva para darlle continuidade. E así foi como mo propuxeron e, despois de pensalo moito, aceptei.

Cantas deportistas tedes actualmente?

Actualmente contamos con 109 licenzas federadas, e temos ademáis varios nenos, varóns, xogando con nós. Eles non teñen licenza federativa, xa que só querían vir a entrenar e entrar en contacto co voleibol, e nós encantados.

O CV Ribeira Sacra é un referente no voleibol galego, cal é a clave do éxito?

A verdade é que non sabría decir cal é a clave. Para nós o máis importante é que as rapazas disfruten do voleibol, que lles guste e as enganche este deporte, que todas xoguen e que todas disfruten na pista. Non hai mellor recompensa que cando ves a un equipo disfrutar xogando. Despois está o tema competición, nese senso intentamos clasificarnos para xogar os campionatos galegos, porque para as xogadoras iso é unha inmensa recompensa a todo o esforzo que tiveron que facer durante os partidos de liga.

Apostades firmemente pola canteira, e xogadoras saídas do club destacan na elite do voleibol dentro e fóra de España…

Si, o club aposta pola canteira e, a verdade, para nós é un orgullo ver que nenas que empezan connosco sendo alevíns se converten en grandes xogadoras nacionais e internacionais do voleibol.

Achegades ademais o voleibol aos nenos e nenas de Monforte con actividades nos colexios ou coa celebración do Campus de verán. Este ano levarase a cabo?

O ano pasado debido á pandemia non puidemos celebrar o noso Campus, por un gromo de covid que se rexistrou aquí en Monforte no mes de agosto pero este ano, se o Concello e a situación sanitaria no lo permite, levarémolo adiante. Todos os anos cubrimos a totalidade das prazas, que adoitamos ter sobre unhas 60 prazas, pero de feito no último campus tivemos que ampliar a 75 pola alta demanda que tivemos. O Campus vai dirixido a nenos e nenas entre 7 e 16 anos. Algún ten así o seu primeiro contacto co volei e, como o facemos a finais de agosto, outros acuden para xa ir collendo algo de fondo de cara á tempada que comeza en setembro.

Que resultados teñen estes campus?

O resultado do campus é intentar que os nenos e nenas aos que lles gusta o volei disfruten uns días do que grandes adestradores lles poden ensinar e que, se despois queren, se queden a entrenar no club.

Que características debe ter un deportista de voleibol?

A altura é moi importante, como tamén estar en boa forma física, xa que o voleibol é un deporte onde se poden sufrir lesións se non se traballa tamén a forma física.

Barallou nalgún momento o club a posibilidade de recuperar o equipo senior?

Agora mesmo non, pero tampouco o descartariamos se xurde a oportunidade de ter xogadoras senior.

Como lles está afectando a pandemia no CV Ribeira Sacra?

Aféctanos en todos os sentidos, dende o económico ao deportivo. No deportivo aféctanos porque este ano todo era unha incertidume. Non sabiamos se habería Liga Galega, unha vez que soubemos que si, non sabiamos se empezariamos e teriamos que parar, porque sempre está o medo de que alguén se contaxie. Tivemos nenas en corentena, e iso significa ter que aprazar partidos. Despois está tamén o medo das propias nenas, que é moi comprensible, e algunhas este ano decidiron non vir adestrar por medo a contaxiarse, nun sitio pechado e con máis nenas. E tamén está o medo dos pais, algúns decidiron que as súas fillas este ano só adestraran, sen competir contra outros equipos que virían de distintos puntos de Galicia. Todo é comprensible neste tipo de situación tan complicada. A maiores tiñamos algún colexio federado co club e unha escola deportiva en Quiroga, que non se puido levar a cabo pola pandemia. Nós, pola nosa parte, cumprimos todos os protocolos de seguridade e hixiene e, por sorte, non tivemos ningún caso positivo relacionado directamente co club.

Estanse retomando as competicións, que obxectivos teñen para esta tempada?

Intentaremos clasificarnos tanto no Xuvenil como no Infantil para o Campionato Galego e no resto manter a categoría cara a tempada que vén.

Con que apoios conta o club?

Contamos con apoios de empresas de Monforte, recibimos subvencións do Concello, da Deputación e da Xunta. Grazas a iso podemos pagar os desprazamentos en bus a distintos puntos de Galicia, as fichas da Federación e os custes arbitrais. Este ano ademais tivemos que investir en material de desinfección pola covid.

O CV Ribeira Sacra, un club de voleibol e feminino, conta cunha grande afección, que valoración farías do papel deste deporte en Galicia? 

É certo que é un deporte maioritariamente feminino, aínda que duns anos para aquí van medrando tamén os equipos masculinos. O voleibol en Galicia move moitos afeccionados e moitos deportistas. No caso de Monforte hai unha gran afección polo voleibol que lle debemos a cando o CV Ribeira Sacra era a AD A Pinguela e tiña equipo femenino na máis alta competición Nacional. Iso supuxo traer a Monforte grandes campionatos nacionais e internacionais e encher o Pavillón da Pinguela cada fin de semana de persoas que gozaban do voleibol. Oxalá algún día volvan aqueles tempos e contemos en Monforte cun equipo de Superliga, mentras tanto seguimos facendo canteira e ensinándolles aos nenos e nenas do municipio e da contorna o bonito que é este deporte.

GALERÍA DE FOTOS