Skip to main content
Chantada

A Feira do Viño de Chantada, con cartel anunciador pero sen celebración

Por 11 Marzo, 2021Sin comentarios

De non ser pola actual situación sanitaria, Chantada acollería desde mañá venres a 39 edición da Feira do Viño, a primeira do ano no ámbito da denominación Ribeira Sacra. A celebración non se vai poder facer, pero o Concello quixo presentar hoxe ao público o cartel realizado para a ocasión polo artista local Lomarti, que xa deseñou os carteis anunciadores das anteriores edicións.

No traballo deste ano, Lomarti quixo reflectir a situación actual marcada pola covid, a través do uso das máscaras, así como o apoio ao mundo do viño, afectado tamén polas consecuencias desta pandemia.

IMAXES EN LEMBRANZA DA FEIRA

O Concello de Chantada vén de convidar ademais á cidadanía a compartir nas redes sociais “imaxes dos momentos vividos nas anteriores edicións” da Feira do Viño, empregando o cancelo #FeiradoViñodeChantada.

Unha selección das fotografías que se compartan desde mañá venres ata o domingo, ambos os dous incluídos, subirase logo ás redes sociais do Concello e de Chantada Turismo.

A Feira do Viño de Chantada foi a única da Ribeira Sacra que se puido celebrar o ano pasado no seu formato e data habituais. Fíxose poucos días antes de que se decretase o estado de alarma e o posterior confinamento da poboación.

O cartel deseñado por Lomarti para a 39 edición da feira