Skip to main content
Chantada

Arde un aeroxenerador do parque eólico do monte O Faro

Por 16 Marzo, 2021Sin comentarios

Un lume provocou este martes importantes danos nun aeroxenerador do complexo eólico Faro-Farelo, situado nos montes entre as comarcas de Chantada e O Deza.

O lume empezou pouco antes da unha da tarde nun dos xeneradores que ten este parque. As chamas prenderon no motor e a fumareda que se formou podíase ver a varios quilómetros de distancia.

A caída de cascallos fixo que as chamas se propagasen ao terreo de debaixo do muíño e provocou un pequeno incendio forestal. Ata o lugar desprazáronse diferentes servizos de emerxencias e mesmo un helicóptero para controlar o lume, que non provocou danos persoais.

ADEGA

A raíz deste incidente, Adega insta á Xunta a decretar o aumento das distancias dos muíños eólicos ás vivendas e núcleos de poboación en proporción á súa altura, “non só pola incidencia destes na saúde e calidade de vida das veciñas e veciños, que non é pouco, senón tamén por razóns imperiosas de seguridade”, argumentan. Actualmente a distancia establecida é de 500 metros.

O colectivo ecoloxista demanda ademais que o Goberno autonómico “rexeite” a autorización de parques eólicos en zonas “de elevado risco de incendios forestais”. Aseguran que o deste martes “non é un caso illado” senón que “todos os anos se producen incendios espontáneos ou provocados por tormentas nos rotores de aeroxeneradores eólicos”.

Lembran que en 2020 se rexistraron sucesos semellantes “cando menos” nos parques eólicos de Fontecova (Viveiro), da Vilabesa (As Somozas) e de Coristada (Ortigueira).

O lume iniciouse no motor do aeroxenerador