Skip to main content
ChantadaDeportes RIBEIRASACRAXAO Saviñao

A Volta a Lugo Master 2021 celebrarase o 10 e 11 de abril

Por 17 Marzo, 2021Decembro 13th, 2022Sin comentarios

A Volta a Lugo Master 2021, que organiza o Club Ciclista Chantadino, celebrarase a fin de semana do 10 e 11 de abril. O prazo de inscrición estará aberto, a través da páxina web de Emesports, ata o 7 de abril ou ata completar o cupo de prazas dispoñibles.

A proba está reservada para ciclistas con licenza federativa expedida por unha federación de ciclismo e disputarase para as categorías Master 30, Master 40 e Master 50/60. O número máximo de participantes será de 200, e ata o momento formalizaron a súa inscrición 46 deportistas.

O percorrido da Volta a Lugo Master 2021 constará de dúas etapas en liña e unha contrarreloxo individual.

  • A primeira etapa desenvolverase o sábado día 10. Sairá ás 11.00 horas desde Escairón e percorrerá 75 quilómetros.
  • Xa pola tarde disputarase a segunda etapa, con saída ás 16.45 horas tamén en Escairón. Será unha contrarreloxo individual de oito quilómetros.
  • A terceira e última etapa terá lugar o domingo, día 11, con saída ás 10.45 horas en Chantada. O percorrido será de 70 quilómetros.

O Club Ciclista Chantadino lembra que a proba se rexerá baixo o sistema de clasificación por tempos, contabilizando para a clasificación xeral final a suma dos tempos investidos nas tres etapas.

Os deportistas poderán inscribirse para as tres etapas ou de xeito individual para algunha delas. Os participantes que non se inscriban nas tres, non optarán á clasificación final por tempos da xeral, pero si computarán na clasificación individual de cada etapa.

A Volta a Lugo Master, que acada este ano a súa sexta edición, conta co patrocinio dos Concellos do Saviñao, Chantada, Taboada e Monterroso.