Skip to main content
Monforte

O Concello de Monforte destina 295.000 euros a mellorar a accesibilidade

Por 4 Marzo, 2021Marzo 5th, 2021Sin comentarios

O alcalde monfortino, na presentación do proxecto

O Concello de Monforte vén de presentar un proxecto para mellorar a accesibilidade da localidade mediante a eliminación de barreiras arquitectónicas e a instalación de elementos que favorezan a mobilidade das persoas de avanzada idade, que usen cadeiras de rodas ou que padezan algunha discapacidade nas súas facultades motoras. O ‘Proxecto de Mellora da Accesibilidade nos edificios e parques municipais de Monforte’ sácase a licitación por algo máis de 295.000 euros.

Para o alcalde do municipio, José Tomé, este proxecto “significa a aposta decidida e continua do Concello de Monforte coas persoas con discapacidade, con dificultades de mobilidade ou de idade avanzada. Somos conscientes, dende o equipo de goberno, das necesidades de todos estes colectivos e das carencias históricas dende fai anos que detectamos nalgunhas das nosas instalacións e dependencias municipais, e que despois de 40 anos de democracia aínda non foran corrixidas.”

O proxecto recolle as melloras da accesibilidade dos principais edificios públicos de titularidade municipal de Monforte así como de diversos parques municipais da cidade do Cabe, concretando a definición das obras necesarias para corrixir as deficiencias destes edificios e parques, no que accesibilidade se refire.

O prezo de licitación para este proxecto establécese en 295.107,51 euros, e as empresas interesadas poden presentar as súas ofertas desde hoxe, xoves 4 de marzo, ata o venres 26 de marzo, ambos os dous incluídos. Unha vez adxudicado, o proxecto de mellora da accesibilidade terá un prazo de execución de 6 meses, quedando rematado neste mesmo ano.

EIXOS CENTRAIS

O Plan de Mellora da Accesibilidade do Concello de Monforte céntrase nos parques urbanos e edificios de titularidade municipal de uso público da cidade, recoñecendo a importancia dos mesmos, e tendo en conta as carencias en materia de accesibilidade que presentan.

En concreto, abordaranse actuacións de mellora en edificios municipais como a Casa do Concello, o Centro do Viño, a Praza de Abastos, a Casa da Cultura ou o campo de fútbol da Pinguela, e en parques como o da Compañía, A Pinguela ou A Florida.

“A través deste importante Plan de Mellora, proxectamos e planificamos un futuro sen barreiras na nosa cidade, no que adaptamos os edificios públicos e o medio urbano existentes para, en definitiva, eliminar as deficiencias de accesibilidade que aínda existan no noso concello. Estou seguro que con este proxecto, moi pronto Monforte de Lemos será un concello de referencia en materia de accesibilidade”, asegurou o rexedor.