Skip to main content
Monforte

Unha estudante monfortina, gañadora provincial do certame ‘Carta a un militar español’

Por 9 Marzo, 2021Sin comentarios

Marta Lorenzo, gañadora provincial do certame

Marta Lorenzo López, alumna de 2º de Bacharelato da rama de Ciencias no IES A Pinguela, de Monforte, é a gañadora da fase provincial da oitava edición do concurso literario escolar ‘Carta a un militar español’, que organiza o Ministerio de Defensa. Este ano o tema a abordar foi ‘Misión: Salvar vidas. A Operación Balmis contra a covid-19’.

Desde o instituto da Pinguela transmiten a súa felicitación á estudante, que acada o galardón provincial neste certame por segunda vez, e deséxanlle moita sorte na fase nacional do concurso.

O concurso literario ‘Carta a un militar español’ busca dar visibilidade e poñer en valor o labor desenvolvido polos membros do Exército, ademais de achegala aos adolescentes. Diríxese a alumnos e alumnas de 4º ESO, 1º e 2º Bacharelato e Formación Profesional de Grao Medio que, na convocatoria deste ano, tiveron que escribir unha carta a un dos militares anónimos involucrados no dispositivo da loita contra a pandemia da covid. Nos seus textos podían expresar gratitude, ensalzar a importancia da súa labor ou reflexionar sobre o papel xeral que teñen as Forzas Armadas á hora de protexer e servir á poboación.

Marta Lorenzo López escribiu a súa carta poñéndose na pel do doutor Balmis: “Estimados militares. Fálalles o doutor Balmis (…) O difícil que foi vivir o confinamento, agardar o telediario como se dun parte de guerra se tratase, para coñecer o número de baixas e comprobar que os datos eran desoladores, debeu ser unha das peores situacións que o pobo español tivo que afrontar e que ninguén se podería imaxinar. Pero, grazas aos sanitarios, en colaboración con vostedes, co noso exército que sempre está preparado para actuar, grazas á súa disciplina, o seu tesón e o seu valor, conseguiuse vislumbrar unha luz de esperanza máis alá do horror e da morte. E o que é máis importante, conseguiuse un sentimento de unidade do pobo español, borrándose así todas as fronteiras físicas e políticas, xa que todos loitaron na mesma fronte e contra un mesmo inimigo”.