Skip to main content
Monforte

O teatro volve este xoves a Monforte con ‘Macbeth’

Por 10 Marzo, 2021Decembro 13th, 2022Sin comentarios

O teatro é o protagonista da actividade cultural deseñada para o primeiro trimestre deste ano polo Concello de Monforte, que mañá, xoves días 11, acolle a presentación da obra ‘Macbeth. O ruído e a furia’ da compañía Estudo Momento. Será ás 20.00 horas no Edificio Multiusos.

Os actores Xoán Carlos Mejuto, Luis Iglesia, Iria Ares, Carlos Sante e David Perdomo protagonizan esta adaptación en verso, a cargo de Manuel Lourenzo, da grande traxedia celta de William Shakespeare.

O prezo da entrada xeral para esta obra é de cinco euros, e tres para as persoas desempregadas, xubiladas e estudantes. O aforo máximo do salón é de 110 persoas.

O ciclo de teatro para adultos programado polo Concello de Monforte continuará o xoves 25 de marzo, sempre que as circunstancias sanitarias o permitan, con ‘Feminíssimas’ da compañía De Ste Xeito Produccións.

PROTOCOLO FRONTE Á COVID

Para o desenvolvemento deste ciclo de teatro , o Concello de Monforte conta con medidas de seguridade e protección ante a covid. Así, a capacidade do salón do Edificio Multiusos dependerá da situación sanitaria no momento, sendo agora dun máximo de 110 persoas. Será ademais obrigatorio o uso de máscaras e do xel hidroalcohólico.

A venda de entradas farase desde unha hora antes da actuación e a entrada ao salón permitirase desde trinta minutos antes do comezo da obra. O espectador non poderá tomar asento ata que o acomodador lle indique o seu sitio.