Skip to main content
Monforte

Monforte estrea pista de skate no Parque da Compañía

Por 21 Marzo, 2021Sin comentarios

Inauguración da pista de skate

O Concello de Monforte vén de inaugurar a pista de skate no Parque da Compañía. A nova instalación deportiva ocupa unha superficie de 253 metros cadrados e contou cun orzamento de preto de 65.000 euros.

“Esta nova pista de skate dá resposta a unha carencia que existía con respecto a este tipo de instalacións na cidade, en concreto a relativa a deportes urbanos. Espero que esta nova oferta de lecer deportivo sexa do agrado dos que levan a cabo a práctica desta disciplina”, explicou o alcalde, José Tomé.

Para a ubicación da instalación deportiva, o Concello escolleu un espazo existente dentro do denominado Parque da Compañía, no que en tempos se localizaba unha rampa U ou medio tubo de skate, entre o xardín e a pista polideportiva do citado parque.

A nova pista de skate conta cunha combinación de módulos de rampas e tobogáns, así como tubos e railes “grindrails”, que permitirán a realización de gran variedade de trucos aos afeccionados á práctica deste deporte. Ademais, acondicionáronse as marxes da pista coa construción cunha beirarrúa perimetral e procedeuse á recolocación dos 6 aparellos de exercicios de musculación existentes, dentro de zona anexa á nova instalación.