Skip to main content
Monforte

Espazos emblemáticos de Monforte apagarán as luces o sábado na Hora do Planeta

Por 25 Marzo, 2021Sin comentarios

A Torre da Homenaxe será un dos espazos sen luz

As luces dalgúns dos espazos máis emblemáticos de Monforte apagaranse durante unha hora o vindeiro sábado, 27 de marzo, sumándose á iniciativa ‘A hora do planeta’. Así o vén de anunciar o Concello, que explica que, entre as 20.30 e as 21.30 horas, estarán sen iluminación a Praza da Estación, a explanada da Compañía e a contorna de San Vicente, incluída a Torre da Homenaxe e o campanario.

Con este xesto, o goberno local monfortino quere amosar o seu apoio á organización para a defensa da natureza WWF, que este ano baixo o lema ‘Na hora do planeta, conéctate coa natureza’, pretende mobilizar a tódalas cidades do mundo para demostrar o apoio global contra o cambio climático.

O alcalde monfortino, José Tomé, destaca que “dadas as difíciles e excepcionais circunstancias que estamos vivindo por mor da pandemia da covid, dende o Concello de Monforte estamos convencidos de que o espírito da Hora do Planeta é máis necesario que nunca para transmitir unha mensaxe de esperanza, unidade e colaboración ante as grandes ameazas que tamén afronta a humanidade, como o cambio climático ou a destrución da natureza”.

O rexedor tamén lanzou unha mensaxe aos monfortinos e monfortinas para que “entendan este xesto e se sumen nos seus fogares a esta iniciativa, que consiste en aforrar enerxía durante unha hora”.

INICIATIVA POLO MEDIO AMBIENTE

Esta iniciativa, promovida por la Asociación WWF comezou no 2007 en Sidney, como un xesto simbólico para chamar a atención sobre o problema do cambio climático. Un sinxelo xesto que consiste en apagar as luces de fogares, negocios, edificios e monumentos durante unha hora. Unha acción que cos anos converteuse nun movemento mundial do que xa forman parte miles de cidades de 188 países, que en pasadas edicións apagaron máis de 17.000 monumentos e edificios emblemáticos.

‘A Hora do Planeta’ une a cidadáns, empresas, concellos e institucións para loitar contra o cambio climático e a perda de biodiversidade, na que é a maior iniciativa mundial na defensa do medio ambiente.

Debido á actual alerta sanitaria por mor da covid , dende WWF tomouse a decisión de cancelar todos los actos de rúa previstos para esta xornada, pero dende esta asociación ecoloxista continúase pedindo que se apaguen as luces dos fogares, dos monumentos e os principais edificios públicos de España na xornada deste sábado.

E sendo acordes coa situación actual de pandemia mundial, dende WWF, ademais do apagado de luces símbolo da Hora do Planeta, propóñense diferentes actividades para realizar desde a casa, e que se poden atopar na web www.horadelplaneta.es.