Skip to main content
Monforte

Dous vídeos lembran a Feira Medieval de Monforte, que se debería celebrar a fin de semana

Por 29 Marzo, 2021Marzo 31st, 2021Sin comentarios

Presentación dos vídeos promocionais

O Concello de Monforte presentou este luns dous vídeos promocionais para lembrar a súa Feira Medieval, que se debería celebrar a vindeira fin de semana na localidade pero que houbo que suspender polas restricións da actual situación sanitaria, como xa acontecera o ano pasado.

Á hora de promocionar a Feira Medieval, o Concello monfortino adoita servirse de tres elementos para a súa difusión, que son son o cartel oficial, o programa de actos e o vídeo promocional. Este ano, o Concello apostou por un deses elementos, o vídeo promocional, como recordatorio para que non se esqueza a feira, “para que non caia no olvido e non teñamos que promocionala partindo de cero”, explicou o alcalde, José Tomé, “queremos que a Feira Medieval siga sonándolle á xente e crear esa necesidade de visitala”.

O primeiro vídeo foi realizado pola empresa local Amanita Studio e nel faise unha recompilación das mellores imaxes e dos mellores acontecementos de pasadas edicións da Feira Medieval, que leva sendo protagonista na Semana Santa monfortina durante 17 edicións.

O outro vídeo ten por obxectivo comunicar que non vai haber Feira Medieval este ano, “pero que estamos traballando xa para voltar con máis forza e máis folgos o ano que vén”, salientou o rexedor. O vídeo foi dirixido polo realizador vigués Fabián Figueroa e nel participan actores galegos como Antonio Durán Morris, Rosa Davila ou Rubén Riós, entroutros. Esta peza audiovisual foi rodada, ademais de en Monforte, nos concellos ourensáns de Ribadavia e Arnoia, e no pontevedrés de Soutomaior.

O Concello de Monforte daralles desde hoxe “a máxima difusión posible” a estos traballos promocionais, a través da súa web e redes sociais oficiais, os medios de comunicación, e no mupi da rúa Cardenal.

“A promoción da Feira Medieval debemos impulsala cada ano, dado que se ten convertido nun dos maiores eventos da cidade a nivel cultural e comercial, xa que representa un atractivo turístico e axuda a atraer visitantes a Monforte e ao conxunto da Ribeira Sacra. Porque a Feira Medieval de Monforte debe seguir medrando, co fin de acadar, dentro de 3 edicións, a declaración Feira de Interese Turístico Galego, algo que como saben a Xunta segue sen concederlle, exclusivamente por motivos políticos”.

Os vídeos promocionais da Feira Medieval de Monforte pódense ver a través dos seguintes enlaces:

https://www.youtube.com/watch?v=vHPwvisc2eA&t=3s

https://www.youtube.com/watch?v=8E-lCjTm6To