Skip to main content
O SaviñaoPantón

Comezan os traballos de mellora da estrada que une Ferreira de Pantón e Escairón

Por 3 Marzo, 2021Sin comentarios

A Deputación de Lugo vén de iniciar as obras de mellora da estrada LU-P-4102 que une Ferreira de Pantón con Escairón, as capitalidades dos concellos de Pantón e O Saviñao. Os traballos lévanse a cabo nun treito de algo máis de dous quilómetros -entre os puntos quilométricos 3,7 e 6,1- e contan cun orzamento de 145.000 euros.

A actuación neste vial provincial comezou hoxe cos labores de limpeza de cunetas e ao longo da vindeira semana prevese levar a cabo o estendido de aglomerado en quente, sempre que as condicións meteorolóxicas sexan favorables. Logo procederase á instalación dunha nova sinalización horizontal e vertical.

O presidente da Deputación, José Tomé, destacou que este vial “é moi importante para os veciños e veciñas destes dous concellos da Ribeira Sacra, pois conecta co casco urbano de Pantón e serve de acceso a servizos fundamentais da localidade, como o centro de día, a gardería ou o tanatorio, ademais de ser a vía que une Pantón con Escairón”.

Os traballos que se veñen de iniciar súmanse aos xa executados anteriormente pola Deputación nesta mesma vía, nun total de 3 quilómetros, entre os puntos 0 e 3, e que contaron cun investimento de 160.000 euros. A súa execución supuxo a renovación da vía con aglomerado en quente, limpeza de cunetas así como mellora da sinalización e repintado.

Os traballos iniciáronse este mércores