Skip to main content
Pantón

Os veciños de San Fiz de Cangas, en Pantón, recibirán unha achega para manter a tradición dos birlos

Por 13 Marzo, 2021Sin comentarios

A asociación de veciños de San Fiz de Cangas, en Pantón, recibirá unha axuda da área de Vicepresidencia da Deputación de Lugo para manter a tradición do xogo dos birlos na zona. En concreto, o ente provincial comprometeuse a tramitar unha achega para que o colectivo poida adquirir un cortacéspede que facilite o mantemento do campo e, con elo, a continuidade do xogo tradicional, que reúne a diferentes xeracións.

O campo de birlos de San Fiz de Cangas trátase dunha superficie de herba natural, situada a carón do local social. O xogo dos birlos ten un especial arraigo nesta parroquia de Pantón, onde organizan unha liga propia desde o ano 2007.

“Son modalidades que, ademais de favorecer a actividade física, teñen un enorme valor cultural e social, por iso nos parece especialmente importante colaborar cos colectivos que as manteñen vivas”, di o deputado de Deportes, Efrén Castro.

Castro reuniuse tamén co alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, para abordar a posibilidade de colaborar na mellora do pavillón deportivo que, ata a pandemia da covid, viña acollendo as actividades das escolas deportivas, ademais de encontros organizados por colectivos veciñais.