Skip to main content
Quiroga

Quiroga inicia o expedente de expropiación para a construción do cemiterio municipal

Por 13 Marzo, 2021Sin comentarios

O pleno do Concello de Quiroga vén de aprobar, por unanimidade, o inicio do expedente de expropiación de terreos para a construción dun novo cemiterio, o primeiro de carácter municipal.

O alcalde, Julio Álvarez, lembra que a decisión de construír un novo cemiterio ven dada “pola necesidade de contar cun lugar para acoller aos defuntos, posto que o cemiterio da parroquia de Quiroga xa non ten dispoñibilidade de máis terreo”. A lei de competencias municipais, engade, “di que é obrigación dos concellos dispoñer dun terreo mortuorio, polo que o Concello deberá realizar esta obra”.

A corporación municipal aprobou este venres o expedente de expropiación dos terreos, o primeiro paso para poder levar adiante o proxecto, que se contempla en dúas anualidades.

O novo cemiterio, adosado ao actual, terá unha superficie duns 3.300 metros cadrados, e suporá a creación de 1.036 unidades novas de enterramento, entre panteóns e nichos. Tamén contará con dous columbarios para depositar as urnas das cinzas, con 42 espazos cada un, e un local de culto aconfesional.

Malia que o novo cemiterio estará unido ao actual, este seguirá sendo de carácter eclesiástico e o novo será municipal. Por iso, e para o seu bo funcionamento, o rexedor quirogués adianta que se establecerá un acordo co Bispado de Lugo de xeito que o Concello se encargue do mantemento dos dous camposantos mentras que a Igrexa se encargará da documentación en canto a asentamentos e rexistros.

Plano do cemiterio