Skip to main content
Quiroga

Quiroga en Marcha solicita colaboración cidadá para o seu novo proxecto

Por 22 Marzo, 2021Sin comentarios

Espazo onde Quiroga en Marcha quere realizar o novo mural

Despois de promover o orixinal proxecto que colocou lapis de grandes dimensións na casa de cultura e no albergue municipal de Quiroga, a asociación Quiroga en Marcha ten unha nova idea en mente e, para materializala, solicita a colaboración dos veciños e veciñas do municipio.

Nesta ocasión, o colectivo quere realizar un mural de grandes dimensións, ao estilo dos que xa fixeron noutros puntos da localidade, no edificio do supermercado ‘Roxo’, na rúa Real. O seu desexo é que este novo traballo o leve a cabo Iván Floro, “un dos maiores novos talentos da pintura na actualidade, e que ten realizado múltiples intervencións, sendo ademais o autor das últimas portadas dos discos de C-Tangana”, explican desde Quiroga en Marcha.

A realización do mural tería un coste de 2.300 euros, aos que habería que sumar o alugueiro do guindastre e o aloxamento do autor. O colectivo quirogués reuniu xa unha importante cantidade de diñeiro grazas ás achegas dos propios veciños do inmoble onde se prevé realizar o mural, o Concello comprometeuse a asumir os gastos do guindastre e o propio colectivo aboará o aloxamento do artista. Fáltanlles entón, din, uns 900 euros e, para conseguilos, solicitan a colaboración cidadá.

FOTOGRAFÍA PERSONALIZADA

As persoas que realicen algunha achega, da cantidade que sexa, recibirán unha fotografía do mural xa rematado co seu nome na parte posterior, en sinal de agradecemento.

Pódense facer as achegas mediante ingreso ou transferencia á conta corrente cuxo titular é a asociación Quiroga en Marcha -ES80 2080 0138 9130 4001 2668-, indicando no concepto o nome ou nomes que figurarán na fotografía.

“Falta moi pouco para que este novo proxecto poida facerse realidade. Calquera achega, por pequena que sexa, será benvida”, din desde Quiroga en Marcha, “a maior satisfacción será disfrutar doutro lugar artístico no noso pobo, e conseguido nesta ocasión de xeito colectivo”.

A campaña de recadación de fondos estará aberta ata que se acade a cantidade dos 900 euros. En caso de que finalmente o mural non se chegue a facer, Quiroga en Marcha comprométese a devolver as cantidades achegadas.

A idea do colectivo, que irá informando da recadación a través das súas redes sociais, é poder realizar o mural no mes de maio.