Skip to main content
O Saviñao

Dous concursos para conmemorar o 8M no Saviñao

Por 4 Marzo, 2021Sin comentarios

Baixo o lema ‘Mulleres no ámbito profesional’, o Concello do Saviñao vén de convocar un concurso de fotografía e outro de debuxo, con motivo da vindeira celebración do 8M.

No concurso de fotografía poden participar todas as persoas que así o desexen, cun máximo de dúas imaxes por persoa. Os participantes poden remitir as súas instantáneas ata o vindeiro 8 de marzo, ás 14.00 horas, ao correo electrónico concelleriadecultura@concellodosavinao.net. No mesmo correo indicarase o título do traballo, os datos persoais do autor e a autorización para a publicación das imaxes.

Dos traballos que se presenten sairán dous gañadores: un que se elixirá desde a páxina de facebook do Concello e outro que será decidido por un xurado.

Así, o día 8 de marzo ás 15.00 horas, as fotografías recibidas subiranse á páxina de facebook do Concello do Saviñao, nun álbum co título do concurso. A imaxe que máis ‘gústame’ obteña ata o día 12 ás 14.00 horas será a gañadora da modalidade.

Por outra banda, o día 15 un xurado formado por persoal municipal decidirá entre as fotografías participantes, agás a que xa obtivera o premio na modalidade de facebook, a gañadora desa categoría.

Os gañadores recibirán cadanseu vale de 100 euros para gastar no comercio local e un diploma acreditativo.

CONCURSO PARA ESCOLARES

O Concello do Saviñao convocou tamén un concurso de debuxo pero, neste caso, dirixido aos nenos e nenas do municipio.

Tamén baixo o lema ‘Mulleres no ámbito profesional’, os máis pequenos deberán realizar os seus traballos e indicar na parte de atrás do folio o nome e mailo curso do alumno, a súa dirección e o teléfono de contacto. Os traballos poden presentarse ata o 8 de marzo, ás 14.00 horas, na Casa do Concello, ou nos colexios de Currelos e Escairón.

Neste certame repartiranse catro premios, segundo os cursos nos que están os participantes. Así, haberá a categoría Infantil (para alumnos de 4º, 5º e 6º de Infantil), Primaria A (para alumnado de 1º, 2º e 3º de Primaria), Primaria B (para alumnos de 4º, 5º e 6º de Primaria) e Secundaria (para os estudantes de 1º ata 4º da Eso). Os catro gañadores recibirán vales por valor de 50 euros para gastar na librería Loela e un diploma acreditativo.

As bases completas de ambos os dous concursos poden consultarse no propio Concello do Saviñao, na súa páxina web e no seu facebook.