Skip to main content
Sober

Sober acolleu a estrea mundial da obra ‘Cinco miniaturas machadianas’, de Juan Durán

Por 1 Marzo, 2021Sin comentarios

O compositor, coa soprano Sara López e o pianista Pablo García

O compositor Juan Durán asistiu esta fin de semana en Sober á estrea mundial baixo a súa presenza da súa obra ‘Cinco miniaturas machadianas’, unha composición para soprano e piano. A obra estreouse nunha xira de dous concertos en León e Sober, pero foi a primeira vez que soou en presenza do seu creador.

A estrea correu a cargo da soprano Sara López Porta acompañada do pianista Pablo García  Berlanga, no marco dun recital lírico organizado polo Concello e as Xuventudes Musicais de Sober.

López e García interpretaron a obra ‘Cinco Miniaturas  Machadianas’, formada polas pezas: ‘Los olivos grises’, ‘En la parda encina’, ‘Noche castellana’, ‘Canta, canta en claro ritmo’ e ‘El río despierta’.

JUAN DURÁN

Está considerado pola crítica e polo público como o compositor galego máis importante da súa xeración e de máis proxección internacional, cun catálogo no cal a ópera e a música sinfónica e sinfónico-coral conviven cunha importante produción de música de cámara e Lied, ademais dun grande número de arranxos e orquestracións de música popular galega.

Escribiu obras encargadas polas dúas grandes orquestras galegas, a Real  Filharmonía de Galicia e Orquestra Sinfónica de Galicia. Autor de ‘O arame’, a primeira ópera galega en máis de cen anos, Premio da Crítica no 2009 e que se chegou a estrear en Oxford o 2017, é tamén autor da restauración da ópera Inés e Bianca de Marcial del Adalid e dun importante catálogo de obras orquestrais.

Juan Durán obtivo o Premio da Crítica 2009, premios da Cultura  Galega 2013, e Premio Raíña Sofía 2018, así como os premios de composición da Universidade Carlos III de Madrid e do Festival Internacional de Música Española de León, entre outros. Foi profesor do Conservatorio Superior de Música da Coruña entre 1987 e 1997, é membro fundador da Asociación Galega de Compositoras -creada o 1987 e da cal foi presidente- e membro da sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega.