Skip to main content
Sarria

Mercedes Vázquez amosa as súas ‘Mulheres’ do rural en Sarria

Por 8 Marzo, 2021Decembro 13th, 2022Sin comentarios

A Antiga Prisión Preventiva de Sarria acolle desde a tarde deste luns a exposición fotográfica ‘Mulheres’ de Mercedes Vázquez Saavedra, escritora e fotógrafa nacida no municipio.

Despois de percorrer distintos concellos de Galicia e Portugal, esta mostra que converte en protagonistas a mulleres do mundo rural mediante retratos tomados en aldeas galegas e do norte de Portugal, chega agora á terra natal da autora, onde permanecerá ata o vindeiro 9 de abril.

A través de 90 fotografías, ‘Mulheres’ amosa o resultado da investigación feita por Mercedes Vázquez ao redor das mulleres arrainas, comezando polas aldeas da ‘raia’ galaico-portuguesa. O traballo da autora vai máis alá da simple imaxe, xa que capta en retratos o testemuño transmitido en conversas e convivencias con estas mulleres, algunhas case centenarias.

En palabras da propia autora, “as mulleres da ‘raia’ son moi fortes, moi traballadoras, que foron pais e nais, cando os homes se foron, elas cuidaron do gando e da terra, das casas e dos fillos, e participaron nos negocios típicos das fronteiras”.

A exposición pode verse na Antiga Prisión Preventiva de Sarria de luns a venres, de 10.30 a 13.30 horas. En caso de non poder asistir neses horarios, pódese concertar visita para outra hora chamando aos teléfonos 982 535 000 ou 982 530 668.