Skip to main content
Sarria

Ir ao instituto en bicicleta ten premio en Sarria

Por 8 Marzo, 2021Marzo 10th, 2021Sin comentarios

O IES Xograr Afonso Gómez, de Sarria, vén de poñer en marcha a campaña ‘En bici ao Xograr. Anímate a pedalear!’ co fin de “conquerir un centro máis saudable e solidario co coidado do medio ambiente’. Neste senso, a proposta baséase en que a comunidade educativa faga os desprazamentos ata o instituto en bicicleta e, a cambio, recibirán algún agasallo.

A iniciativa, que bota a andar hoxe luns, enmárcase dentro do Plan Proxecta ‘Mobilidade sostible e segura’ e pretende promover o uso da bicicleta entre o alumnado, así como potenciar a creación de distintos camiños escolares seguros.

Cada semana, o instituto entregará pequenos agasallos a aquelas persoas que fixesen o desprazamento en bicicleta un mínimo de dous días na semana.

“Grazas á colaboración de distintas entidades e tamén á axuda de equipos profesionais de ciclismo poderemos regalar moitas cousiñas. Tamén temos padriños e madriñas que lanzarán mensaxes de ánimo e serán embaixadores do noso lema. Iremos descubrindo pouco a pouco a estas persoas destacadas en distintos ámbitos e unidas pola paixón pola bicicleta”, explican desde o IES Xograr Afonso Gómez.

Lembran ademais a obrigatoriedade de que os desprazamentos se fagan cumprindo as normas de circulación, “con casco e extremando as precaucións”.

RUTA ALTERNATIVA

Para aqueles membros da comunidade educativa aos que lles resulte máis complicado ir ao centro en bicicleta, a campaña propón a realización dun percorrido alternativo. Trátase dun roteiro “case na súa totalidade en plena natureza e ideal para disfrutar en familia” na contorna natural das Aceas e duns 15 ou 20 minutos de duración.

As persoas que opten por esta ruta alternativa deben tomar fotografías e/ou gardar o percorrido a través dalgunha aplicación para medir a actividade e, deste xeito, poderán recibir tamén os seus agasallos.