Skip to main content
Cultura SARRIAXASarria

Entrevista. “Sarria é un lugar no que se pode gozar da música en calquera época do ano”

Por 21 Marzo, 2021Marzo 23rd, 2021Sin comentarios

Actuación de Malditos Roedores, este mes en Lugo

Fai tres anos nacía en Sarria o grupo vocal Malditos Roedores. A asociación Rúa da Música era o berce desta formación que leva no seu repertorio temas desde o ‘Licor do negro café’ ata ‘Mr. Sandman’. A pandemia obrigounos a frear en canto a actuacións pero non puido facer o  mesmo coa súa creatividade. En pleno confinamento, as voces da banda acompañaron aos sarrianos nos balcóns coa súa versión ‘Xa non podo co covid’, o mesmo tema co que estes días compiten nun certame de bandas galegas en formato dixital.

Olalla Losada, Noelia González, Nerea Iglesias e Borja López son Malditos Roedores. Falamos con eles da súa traxectoria e dos proxectos de futuro.

Cando e como nace Malditos Roedores?

O grupo naceu no 2018, como proxecto común das tres voces do grupo, Noelia González, Nerea Iglesias e Olalla Losada. Xa nos coñeciamos de antes e tiñamos moitas ganas de crear un grupo onde as voces tiveran todo o protagonismo. Parecíanos moi interesante pero tamén algo innovador, xa que na nosa zona este tipo de formacións son escasas. Desde o principio a forma de funcionar do grupo foi elixir os temas que nos gustaban e nos apetecía interpretar e facer o arranxo para adaptalo ás tres voces. Ao pouco tempo únese Diana Abad no baixo e no contrabaixo, pero no 2020 deixa o grupo e é cando se une Borja López coa guitarra.

Que estilo define ao grupo?

No noso repertorio contamos con temas dende ‘Licor do negro café’ ata ‘Mr. Sandman’, polo que nos movemos entre xéneros moi amplos: dende a música negra de Stevie Wonder e Amy Winehouse, ao rock dos Beatles, á canción brasileira, o pop nacional e incluso á música en galego. A pesar da variedade de estilos, hai unha tendencia ao soul que pode chegar a definirnos.

Hai algún artista ou grupo que vos teña influenciado?

Cada un de nós vén con influencias moi diversas. Noelia destaca a mulleres do jazz, do soul e do funk como Erikah Badú, Billie Holiday ou Betty Davis. Nerea ten unha influencia moi forte de artistas do R&B como Beyoncé e mesmo do rock como Janis Joplin. Olalla está máis influenciada por grupos como Perotá Chingó e Leilía, e artistas como Cesária Évora, Mercedes Sosa ou Maria Creuza. Pola súa banda, Borja destaca a influencia de Sam Cooke e Otis Redding.

Tedes algún tema que vos guste especialmente interpretar? E algún que notedes que chega máis ao público?

A verdade é que nos sentimos moi a gusto interpretando todos os temas, porque todos son da nosa elección, mais hai un ao que lle temos un agarimo especial, que é  ‘Mr. Sadman’, por ser o primeiro tema que montamos. Tamén o último que incorporamos ao repertorio, ‘A voz das amigas’ de Leilía, que seguramente sexa o tema que máis nos emociona a nós e ao público, polo significado e forza que ten.

Que significa para vós a asociación Rúa da Música de Sarria?

Na Rúa da Música é onde nace Malditos Roedores, pois é alí onde comezamos a ter  ‘contacto musical’ os catro, pero tamén é o lugar e a xente que nos viu medrar como grupo e que nos apoiou neste camiño. É dicir, probablemente se non existise a Rúa da Música tampouco existiría Malditos Roedores. A asociación é o lugar non só de ensaio senón tamén de encontro de moitos músicos de Sarria e xermolo da maior parte dos grupos locais.

Malditos Roedores, a asociación Rúa da Música, agrupacións de folclore tradicional, actividades como os Cantos de Taberna, festivais como Garitosis, Esmorga Fest ou Espantada Rock… En todos, a música como protagonista. Hai moita cultura musical en Sarria?

Si, todos eses festivais son un bo exemplo da cultura musical existente en Sarria, e do seu dinamismo e diversidade. Pensamos que somos afortunados de vivir nun pobo onde se pode disfrutar da música en calquera época do ano, e que tantos e tan bos músicos, grupos e festivais locais formen parte da nosa identidade colectiva.

Malditos Roedores unistes as vosas voces á Banda de Música de Sarria nalgunha ocasión…

Si, fixemos un par de colaboracións coa Banda de Música, no concerto de fin de ano do 2018, cos que interpretamos ‘Un año más’ de Mecano, e tamén no concerto das Letras Galegas do ano 2019, así como na interpretación do Himno Galego polas Letras Galegas do pasado 2020.

Como está a afectar a pandemia da covid a Malditos Roedores?

A pandemia golpeou moi forte ao sector cultural, en xeral foi un ano difícil para calquera músico. No noso caso tivemos que paralizar os ensaios durante varios meses. Facía pouco tempo que Borja se unira a nós, e todo isto retrasou os plans. En canto puidemos volvemos a xuntarnos para preparar os concertos que tiñamos programados para o pasado verán, algúns canceláronse, pero por sorte chegamos a dar tres. Desde outubro, debido ás circunstancias, tivemos que parar outra vez, e estamos a retomar agora, coa esperanza en que todo vaia mellor. Pero non todo foi negativo, é certo que non puidemos facer todos os concertos, pero iniciamos o que chamamos ‘Caseto Sessions’, que consistiu nuns vídeos que subimos a Youtube interpretando algúns temas do noso repertorio. Puxémoslle ese nome porque houbo uns meses que tivemos que irnos aos casetos que tiñamos na aldea para ensaiar, xa que o local de ensaio tiña que estar pechado por causa da pandemia.

Compuxestes ademais o tema ‘Xa non podo co covid’. Como xurdiu o tema e que repercusión está a ter?

Pois a idea xurdiu no confinamento. Levabamos xa unhas semanas pechados nas nosas casas e decidimos comezar a gravar algúns dos temas do noso repertorio. Un día decidimos que queriamos cambiar o rollo e decidimos adaptar o tema ‘No puedo vivir sin ti’ de Los Ronaldos e facer a nosa versión de ‘Xa non podo co covid’. Estivo ben porque montamos un vídeo e tivo bastante difusión nas redes sociais. Ademais, algunhas persoas poñían o tema a todo volume desde as súas casas ás 8 da tarde, e daba gusto escoitalo nas rúas de Sarria.

Como se presentan os vindeiros meses?

A seguinte actuación contamos que sexa a finais de abril ou principios de maio, nun acto con motivo das Letras Galegas e en homenaxe á poeta sarriana Xela Arias, a quen se lle dedican este ano.

Tedes algún proxecto máis en mente?

Pois o plan neste momento é seguir xuntándonos a ensaiar e poder retomar os concertos con normalidade. Para o próximo concerto temos que incorporar novos temas ao noso repertorio, o cal nos obriga a seguir ampliando os nosos horizontes musicais e iso sempre resulta estimulante.

GALERÍA DE FOTOS