Skip to main content
O Incio

O Concello do Incio repartirá 25 composteiros domésticos

Por 2 Marzo, 2021Sin comentarios

O Concello do Incio vén de adherirse ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, a través do cal repartirá nos vindeiros días un lote de 25 composteiros individuais aos veciños e veciñas que así o soliciten, de xeito totalmente gratuíto.

Os composteiros teñen uns 300 litros de capacidade e poden instalarse no exterior das vivendas ou nas eiras anexas. Entréganse acompañados dun pequeno manual de instrucións no que se explica cómo realizar o proceso da compostaxe de xeito correcto.

O goberno local do Incio considera que a compostaxe é “parte da solución para contribuír á redución da pegada medioambiental, mellorar a nosa contorna e reducir a factura do lixo”. Lembran que son residuos que non van producir contaminación e que se van aproveitar para xerar enriquecemento do solo dentro da propia vivenda. O proceso é limpo, non produce cheiros e non necesita mantemento.

Con esta técnica, ademais da obtención de compost, conséguense importantes beneficios ambientais e económicos, tendo en conta que os concellos poden ver reducida a frecuencia de recollida do lixo convencional, así como o importe da factura que deben pagar a Sogama pola xestión e tratamento da bolsa negra.

As persoas interesadas en facerse cun destes colectores domésticos poden solicitalo no Concello do Incio en horario de oficina chamando ao teléfono 982 42 70 14.

Un composteiro doméstico