Skip to main content
O Incio

O Incio estuda acoller unha ruta en motos trail na Semana Santa

Por 3 Marzo, 2021Marzo 7th, 2021Sin comentarios

O alcalde do Incio reuniuse con membros de Greloland

O Concello do Incio segue adiante coas reunións de traballo co fin de avanzar en novos acordos de colaboración que permitan ao municipio afianzarse como destino de natureza e aventura. No marco destas xuntanzas, o alcalde Héctor Corujo vén de manter un encontro cos membros da firma Greloland, cos que abordou a posibilidade de organizar rutas que axuden a poñer en valor o potencial natural do municipio e que atraian novos visitantes, unha vez que as normas sanitarias o permitan.

En concreto, desde o goberno local estudan a colaboración con Greloland para organizar saídas de moto-turismo ou trail, así como outras actividades de vehículos todoterreo ou formativas fóra do asfalto. Se as condicións o permiten, a primeira das rutas de motos trail podería celebrarse xa na vindeira Semana Santa.

O obxectivo da proposta é ser “especialmente coidadosos co medio ambiente”, din desde o Concello, polo que os vehículos non serán os protagonistas dos plans que se deseñen, “senón a natureza, a cultura, a gastronomía así como o respecto e o compromiso co medio polo que discorran os roteiros”.

PROMOCIÓN DOS RECURSOS NATURAIS E CULTURAIS

A implantación destas rutas turísticas terían como punto de partida o concello do Incio e estarían deseñadas para visitar os principais puntos culturais e naturais que atesoura a localidade, como a Ruta do Ferro, a do Mamut, a dos Castros, a igrexa de Hospital ou a igrexa da Cruz do Incio, entre outros.

Serán eventos de aventura con prazas limitadas nos que os asistentes contarán con monitores para levar a cabo todo o percorrido. A participación estará aberta á xente da zona e tamén doutros puntos de Galicia e de fóra da comunidade.

O rexedor do Incio sinala que todos os contactos que se están a manter por parte do goberno local teñen como obxectivo “poñer ao Incio no mapa do turismo de aventura e de natureza e promocionar todos os seus recursos”. Nese senso, xa se teñen establecido outros contactos desde o Concello, entre os que se atopan as reunións coa empresa de guías turísticas Máis que Románico ou cos membros da directiva do motoclube Lóstregos Lucus.

Para atraer a novos visitantes, o Concello está habilitando tamén -como parte das obras de mellora da contorna do edificio multiusos da localidade- unha área para o estacionamento de autocaravanas, cos seus correspondentes servizos de saneamento e abastecemento, e fai un esforzo importante para limpar antigos camiños que se aventuran como novos espazos para o sendeirismo.