Skip to main content
O Incio

O CEIP do Incio bautiza os espazos do centro cos nomes de mulleres de referencia da zona

Por 9 Marzo, 2021Sin comentarios

O CEIP Ricardo Gasset do Incio vén de levar a cabo unha singular iniciativa con motivo da celebración do Día Internacional da Muller: bautizar os espazos do centro con nomes de mulleres de referencia da zona.

Alumnado e profesorado elixiron a varias mulleres, todas nadas no Incio ou con algunha relación estreita co municipio, para dedicarlles diferentes espazos do colexio, como as aulas, o salón de actos, o pavillón ou a biblioteca.

As mulleres escollidas, e que agora dan nome a localizacións do colexio, foron a cantante Lucía Pérez, a directora teatral Tareixa Campo, a vicerreitora do Campus de Lugo, Montse Valcárcel -as tres nadas no municipio-, a investigadora Susana Rodríguez, a xornalista Julia Otero, a escritora Olga Novo e a atleta Saleta Fernández, que deu nome ao pavillón deportivo do centro.

Ademais de colocar carteis cos seus nomes en cada ubicación, os escolares do Incio recibiron información sobre as súas vidas e logros.

Desde a dirección do CEIP Ricardo Gasset están a contactar xa coas novas protagonistas do centro “por se queren dirixirse aos nenos e nenas e trasladarlles algunha mensaxe”.