Skip to main content
O Incio

O Incio avanza no desenvolvemento da aldea modelo de Trascastro

Por 13 Marzo, 2021Sin comentarios

Trascastro do Incio

O alcalde do Incio, Héctor Corujo, vén de reunirse co conselleiro do Medio Rural, José González, para avanzar no desenvolvemento do proxecto de aldea modelo de Trascastro, a primeira que se pon en marcha na provincia e unha das primeiras de Galicia.

Esta iniciativa, centrada na produción de vacún de carne autóctono ecolóxico, está en marcha desde finais do ano pasado. As reses críanse nuns terreos de 14 hectáreas, distribuídas nun total de 178 parcelas pertencentes a 104 propietarios.

Coa posta en marcha das aldeas modelo preténdese recuperar a actividade produtiva en zonas maioritariamente abandonadas , na contorna de núcleos de poboación, á vez que se manteñen limpas como prevención fronte aos lumes forestais. Os propietarios que aportan as parcelas perciben unha renda e aforran o custo da roza.

Na provincia hai outras dúas aldeas modelo aprobadas, unha é Parada dos Montes na Pobra do Brollón, e a outra Moreda, no Courel.

O conselleiro e o rexedor do Incio avanzaron tamén na seguinte fase de impulso á produción agroforestal deste concello, que se fundamenta na posta en valor e no aproveitamento dos seus soutos tradicionais.

Neste sentido, ao longo de Galicia trabállase noutras zonas -ademais de no Incio-, como son a ribeira do Sil tanto na provincia de Lugo como na de Ourense, na contorna do río Loio en Paradela, así como en áreas da montaña luguesa, caso do concello de Folgoso do Courel, onde arrancaron estas intervencións.

O titular de Medio Rural indicou que este plan de recuperación de soutos tradicionais terá un impulso moi importante neste mesmo ano 2021, unha vez que entre en vigor a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, actualmente en trámite no Parlamento. Esta norma, dixo, dará carta de natureza legal a figuras como as agrupacións de xestión conxunta da terra, claves para a posta en valor dos soutos.