Skip to main content
O Incio

Os veciños do Incio reciben 25 composteiros domésticos

Por 26 Marzo, 2021Sin comentarios

Os veciños recibiron instrucións para o uso dos composteiros

O Concello do Incio vén de facer entrega de 25 composteiros domésticos a familias da localidade que o solicitaran previamente. A acción enmárcase no programa de compostaxe de Sogama, ao que o Concello se adheriu recentemente, e que ten por obxectivo a reciclaxe da materia orgánica en orixe para reducir a carga de residuos sólidos depositados no colector xenérico verde, evitando darlle un tratamento que polas súas características non precisa.

Aproveitando o acto de entrega, persoal técnico impartiu unha sesión informativa sobre o correcto emprego dos composteiros. Cada beneficiario desta iniciativa recibiu ademais un manual de uso en papel.

Os composteiros, duns 300 litros de capacidade, poden instalarse no exterior das vivendas ou nas eiras anexas.

O goberno local do Incio considera que a compostaxe é “parte da solución para contribuír á redución da pegada medioambiental, para mellorar a nosa contorna e reducir a factura do lixo”. Son residuos que non van producir contaminación e que se van aproveitar para xerar enriquecemento do solo dentro da propia vivenda.

Lembran que con esta técnica, ademais da obtención de compost, conséguense importantes beneficios ambientais e económicos, tendo en conta que os concellos poden ver reducida a frecuencia de recollida do lixo convencional, así como o importe da factura que deben pagar pola xestión e tratamento da bolsa negra.