Skip to main content
Láncara

O pleno de Láncara aborda os desvíos alternativos ante o próximo peche da ponte de Valdriz

Por 27 Marzo, 2021Marzo 28th, 2021Sin comentarios

Momento do pleno, celebrado vía telemática

O pleno de Láncara deu o visto bo a unha modificación de crédito, por valor de 62.000 euros, para cambiar un transformador e unha liña eléctrica de alta tensión para dar servizo a novas empresas no acceso ao polígono industrial da Pobra de San Xiao. Segundo lembrou o alcalde, Darío Piñeiro, hai varias empresas interesadas en implantarse na zona.

A proposta, presentada nunha moción de urxencia polo equipo de goberno, saíu adiante por unanimidade, aínda que recibiu as críticas dos demais grupos por ser presentada “un minuto antes” do inicio da celebración do pleno.

A corporación aprobou tamén unha moción do BNG sobre o futuro do sector financiero en Galicia, na que se incluía instar ao Banco Santander a manter o servizo no municipio. Os nacionalistas presentaron unha segunda moción, tratada finalmente como un rogo, na que se pedía a posta en marcha dun plan de promoción do comercio local. Neste senso, o alcalde lembrou que o goberno local está a traballar “nunha gran campaña” que se sacará “cando chegue o momento”. Nestes momentos, dixo o rexedor, “nos que un concello veciño como O Corgo estivo pechado ata fai pouco, e outro como Sarria estivo a piques de ter que pecharse, non ten sentido poñer en marcha unha campaña para animar a que a xente veña mercar a Láncara”.

O pleno abordou ademais, a través dunha moción presentada polo PP e que se pasou tamén a rogo, o acondicionamento das rutas alternativas para desviar o tráfico rodado cando se corte a circulación na Ponte de Valdriz polas obras.

O goberno local asegurou estar traballando no asunto “desde fai tempo” aínda que “o problema é da Xunta”. Darío Piñeiro anunciou que solicitou unha reunión co delegado territorial do Goberno autonómico para abordar esta cuestión, pero “haberá alternativas”, insistiu.