Skip to main content
Sarria

A Carreira da Muller de Sarria será virtual e repartirá 2.500 euros en premios

Por 1 Marzo, 2021Decembro 13th, 2022Sin comentarios

A cuarta edición da Carreira da Muller de Sarria desenvolverase este ano de xeito virtual, pero con percorrido físico, e repartirá 2.500 euros en premios.

Así, nesta ocasión os participantes farán a carreira por libre entre os días 1 e 8 de marzo, ambos os dous incluídos, e unha vez rematado o percorrido deberán subir o tempo empregado á páxina oficial do evento, que é www.sarriacorre.com.

O percorrido a realizar será de tres quilómetros, con saída e meta na ponte da rúa Castelao, e os deportistas poderán usar calquera dispositivo para medir ou cronometrar a actividade.

A inscrición para participar nesta carreira virtual ábrese hoxe, luns 1 de marzo, e rematará o vindeiro día 14. Poden anotarse todas as persoas que así o desexen, sen límite de idades, na páxina oficial da carreira.

PREMIOS

O Concello de Sarria sorteará 25 premios, de 100 euros cada un, entre todas as persoas que completen o percorrido. Estes premios pagaranse mediante presentación de factura ou facturas, a nome do premiado ou premiada, expedidas por un comercio ou negocio de hostalería de Sarria por un importe total igual ou superior ao importe do premio.

Poderase elixir calquera tipo de establecemento aberto ao público, sempre que estea dentro do límite municipal de Sarria, e quedando excluídas as grandes superficies ou supermercados xestionados por cadeas.

A listaxe dos premiados publicarase na páxina da carreira, así como nas redes sociais e na web oficial do Concello de Sarria. Os gañadores teñen un prazo máximo de dous meses para presentar a factura, salvo causa debidamente xustificada.