Skip to main content
Cultura SARRIAXASarria

Entrevista: “Creo que a música tradicional ten un protagonismo especial neste momento”

Por 7 Marzo, 2021Febreiro 13th, 2023Sin comentarios

Milagros Núñez -á dereita- coa súa filla, tamén de Peleriños

No ano 1996 nacía en Sarria a asociación cultural Peleriños, que tomou o seu nome do carácter xacobeo da localidade. Vintecinco anos despois, o colectivo é un dos referentes na divulgación do folclore tradicional galego. Con máis de 250 socios e preto de 90 compoñentes nas escolas de música e baile, o colectivo mantén intacta a ilusión e presume de ser unha gran familia encabezada por Pura García, a fundadora da asociación e da que, din, segue a ser a alma do grupo.

Falamos con Milagros Núñez, presidenta de Peleriños desde fai dúas décadas.

Como entrou en contacto con Peleriños?

Coñecín a asociación indo a clase de baile, cando era presidente Luis Quintana. Despois el deixou a presidencia porque tiña outros quefaceres profesionais e cambiouse a directiva. Eu era das máis maiores e das máis constantes e case que me tocou. En realidade, a presidenta é Pura García, que é quen fundou a asociación e é a presidenta de honra. Ela é quen tirou e segue tirando polo colectivo, é a alma da asociación. Está en todos os ensaios, é a nai do grupo.

A nai, porque o grupo é unha gran familia…

Totalmente. Iso é o que caracteriza a Peleriños que, malia ser un grupo cada vez máis profesional, somos unha gran familia. Practicamente toda a xente que empezou cando eu entrei de presidenta, e fai uns 20 anos, segue aínda a día de hoxe. Son xa un grupo grande de amigos. Teñen inquedanzas por seguirse formando, por seguir mellorando… pero despois tamén o pasan xenial xuntos. Cada ensaio é unha festa.

Nestes 25 anos de traxectoria, Peleriños conseguiu consolidarse como unha das asociacións de referencia na divulgación do folclore galego, como o conseguiron?

Pois sí, a base está aí. A verdade é que, co paso do tempo, o grupo foi evolucionando moito, por exemplo en canto ao vestiario. Antes quizais era todo medio improvisado, e agora levamos todo moi acorde coa tradición, sen elementos estranos. Nese sentido houbo un gran cambio e foise profesionalizando todo moito. É un grupo profesional pero que mantén a súa sinxeleza e humildade, iso sí. Temos ademais grandes referentes nos nosos profesores. A maioría son de Cántigas e Frores de Lugo, que son un modelo de xente profesional.

E teñen canteira, que asegure o futuro de Peleriños?

Sí, por suposto. Temos unha canteira grande, mesmo hai lista de espera para apuntarse ás clases. A verdade é que hai xente de todas as idades, desde os nenos pequeniños ata un señor de case 80 anos que está nas clases de gaita. Gustáballe cando era mozo e decidiu retomar esa afección.

Ao longo destes 25 anos de traxectoria, Peleriños organizou e colaborou en moitas actividades…

Sí, motísimas. Estamos ao servizo de quen nos chame, para festas, para vodas, o que sexa. O bo de ter tanta xente é que sempre podes formar un grupo en calquera momento para ir a un evento. En agosto facíamos as xuntanzas, onde traíamos a grupos doutros sitios, pero agora nada, está todo paralizado.

Como lles está afectando a pandemia?

Pois xustamente retomamos as clases de pandereta esta semana, en grupos de catro persoas, como para ir probando a volta. Son grupos moi pequenos, non se pode cantar, pero respectamos ao máximo as normas. Como traballamos nun local municipal, o Breogáns, o Concello ten que confirmarnos exactamente o aforo que pode haber agora. A verdade é que todos teñen gañas de volver, especialmente os nenos e nenas. De feito, a profesora de baile envíalles algún vídeo para que vaian ensaiando e cousas así, pero non é o mesmo.

Ademais esta situación coincide coa celebración das vodas de prata da asociación, van celebralo dalgún xeito?

Antes de que empezara todo isto a nosa idea era facer unha festa, como xa fixeramos tamén polo 20 aniversario. A última festa grande que tivemos foi o ano pasado. Foi unha sorpresa para Pura, ela non sabía nada e foi moi emocionante. Xuntouse moitísima xente, de feito estiveron case todas as persoas que teñen pasado pola asociación, volveron bailar, foi marabilloso. Este ano queríamos facer algo tamén, aínda non tiñamos decidido como, pero algo grande. Pero esta situación cambiou todo. Agora, ata que esto se normalice, non pensamos en celebracións, realmente iso é secundario neste momento.

Hai arraigo da música tradicional en Sarria?

Moito, pero diría que non só en Sarria. Creo que é un momento no que a música tradicional está a ter un protagonismo especial. Eu non recordo na miña xuventude que houbera tanta actividade neste sentido. Hoxe en día, en case todos os concellos hai algún grupo, se non é de panderetas é de baile rexional, pero en todos hai algo. O que podo dicir é que Peleriños é un grupo moi constante, no sentido de que uns imos arrastrando a outros. Hai pais que animaron a fillos, como é o meu caso coa miña filla, que é bailadora e profesora de baile, e tamén temos casos de fillos que acabaron arrastrando aos pais. Ademais nun primeiro momento, e sobre todo entre os maiores, había máis mulleres que homes, agora xa está moi igualado.

Contades con apoios para financiar as vosas actividades?

Recibimos unha subvención do Concello de Sarria, das que se outorgan ás asociacións, e despois basicamente autofinanciámonos. Facemos camisetas, rifas, pins… e se hai que poner cartos, poñemos. Nos casos como o da última viaxe importante que fixemos, que foi a Praga, houbo que pagar o billete de avión. É bastante gasto, pero o certo é que a xente está moi implicada e nunca houbo problemas. E se hai persoas que teñen máis dificultades, tamén se lles axuda. O que está claro é que, por exemplo, ningún neno vai deixar de bailar por non ter traxe. Eso nunca, porque se busca onde sexa.

Que agarda a presidenta de Peleriños para o ano que vén?

Pois que siga a xente coa mesma ilusión. Son todos moi boa xente, e ogallá sigan coas mesmas gañas de aprender e de facer as cousas ben que teñen agora.

GALERÍA DE FOTOS