Skip to main content
Cultura SARRIAXASarria

Entrevista: “Co programa ‘En bici ao Xograr’ buscamos coidar o medio ambiente e a saúde”

Por 28 Marzo, 2021Febreiro 13th, 2023Sin comentarios

José Manuel Valcarce é o director do IES Xograr Afonso Gómez

Unha educación de calidade é a base da sociedade do futuro. Esa é a máxima coa que traballan día a día no IES Xograr Afonso Gómez de Sarria onde, á marxe das clases das tradicionais asignaturas, a comunidade educativa participa nun sinfín de proxectos innovadores e sociais que lles teñen valido numerosos recoñecementos, mesmo a nivel nacional. Este mes poñían en marcha a campaña ‘En bici ao Xograr. Anímate a pedalear’ coa que tentan ir máis alá e favorecer a creación de rutas seguras para os desprazamentos a pé e en bici na localidade.

Falamos con José Manuel Valcarce, o director do centro.

Canto tempo levas como director do IES Xograr Afonso Gómez?

Levo xa 10 anos como director aínda que, grazas ao apoio recibido por parte de todos os compañeiros e compañeiras, paréceme que foi onte cando empecei. Xusto esta semana fixemos a solicitude de renovación por outros catro anos máis, que foi apoiada por unanimidade polo Claustro e o Consello Escolar.

Que esixe ser director?

Pois moitas cousas, aínda que non se pode con todo: habilidades sociais, competencias emocionais, capacidade de xestión e de traballo, responsabilidade, empatía, etc.  A formación tamén é clave,  xa que debemos ter dominio dos procedementos administrativos, lexislación educativa e xeral, pedagoxía e outras moitas. Eu quedaríame sobre todo coas competencias emocionais e a empatía

Que ensinanzas impartides no centro?

No noso centro impártense as ensinanzas da ESO, Bacharelato de Ciencias, de Humanidades e Ciencias Sociais, e un ciclo medio de Atención a Persoas en Situación de Dependencia.

Cantos alumnos e alumnas tedes a día de hoxe?

Ao redor de 370 alumnos e alumnas, 220 na ESO, 130 en bacharelato e 20 no ciclo.

Cales dirías que son as claves para contribuír a mellorar os resultados académicos dos estudantes?

É unha pregunta moi complexa de contestar pero eu creo firmemente na colaboración entre familias e docentes e, sobre todo, na proximidade e implicación do profesorado para co alumnado. Para isto último é fundamental crear un clima de centro que contaxie positividade a todos os docentes e alumnos, outra responsabilidade na que son clave os equipos directivos, que non só o director ou directora.

Un pilar fundamental no proceso educativo, como dicías, é a familia. Como é a relación das familias co centro?

Pois moi boa na maioría dos casos aínda que se bota de menos que, segundo avanza a idade dos nenos, os contactos vanse reducindo. Nótase moito cando as familias están pendentes e se relacionan con fluidez co centro. A situación actual, na que non nos podemos ver en persoa, non debe botarnos para atrás para seguir en contacto polos medios que temos á nosa disposición, xa sexa telefónico ou telemático.

Cal é o punto débil dos estudantes que chegan ao instituto?

Os puntos febles son moi diversos, non responden a un patrón común. Hai que achegarse ás necesidades de cada un de xeito individualizado.

Un dos temas que máis preocupan na actualidade nas comunidades educativas son os casos de acoso ou bullying. Rexistrouse no centro algún caso e tedes algún protocolo de actuación ante estes casos?

Por suposto, é algo que ten que preocupar, a tolerancia ao acoso ten que ser cero. Nos anos que levo na dirección, que é o que coñezo mellor, non se rexistrou ningún caso grave pero si moitos casos en estadíos iniciais, que se cortaron bastante ben. En canto ao protocolo de actuación, temos todos os centros, porén o máis importante é ter sistemas de vixilancia que permitan actuar con prontitude e, sobre todo, poñer en marcha programas proactivos que preveñan esas situacións. No centro desenvolvemos programas de habilidades sociais, de resolución de conflitos e de competencia emocional co alumnado. Todos estes programas axudan a previr esas situacións. De feito, o curso pasado acadamos a distinción de ‘Centro graduado no programa Educación Responsable’, despois de tres anos moi intensos de formación.

Como vos está a afectar a pandemia?

Pois dificultou as cousas, como en todos os ámbitos da vida. Supuxo un reto que fixo que nos foramos superando e tamén vai a deixar aprendizaxes positivas. O que teño que recoñecer é que o cansazo físico e psicolóxico está a facer mella e debemos coidar moito os aspectos emocionais.

Cal é a situación do instituto no tocante ás infraestruturas e dotacións?

Nos últimos anos o centro renovouse moito, con numerosas obras de mellora, e ten unha excelente dotación tecnolóxica. Cando algún antigo alumno ou profesor nos visita despois duns anos queda abraiado cos cambios. A nosa aspiración agora mesmo é a ampliación da biblioteca, e temos fundadas esperanzas en que a acadaremos a non moito tardar. Tamén seguimos avanzando en facer do centro un espazo acolledor, aproveitando a decoración para lanzar mensaxes educativas en prol da igualdade, da inclusión, da ecoloxía e da vida saudable, entre outras.

O instituto puxo en marcha este mes a campaña ‘En bici ao Xograr’, como xorde a iniciativa e que resultados está tendo?

Xorde no marco de todos os programas en prol da saúde e da ecoloxía que desenvolve o centro desde fai anos e que nos trouxeron moitos recoñecementos. Por exemplo, fai dous anos, Sogama recoñeceunos co ‘Ecovaledor’ polo proxecto ‘Aulas limpas’. Fomos un dos primeiros centros da provincia en ser ‘Centro cardioprotexido’ e o noso alumnado fórmase en primeiros auxilios. Gañamos tamén un premio no programa ‘Salvavidas’ da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, cunha curtametraxe preciosa.

Buscamos coidar o medio ambiente e tamén a nosa saúde. O que máis precisamos agora é que se establezan rutas seguras para promover que os desprazamentos se realicen andando ou en bici. Contactamos con distintas administracións e fixemos propostas que pensamos que serían doadas de facer nunha vila pequena como Sarria. O alumnado, e tamén unha parte do profesorado que vive en Sarria, está respondendo moi ben á iniciativa e esperamos que co bo tempo aínda sexa mellor. Estariamos encantados de seguir ampliando os espazos para aparcar as bicis no centro.

Tedes tamén o selo de vida saudable, que concede o Ministerio de Educación, que supón este recoñecemento?

Supón un recoñecemento a todo o que se fixo, e tamén unha responsabilidade, xa que o centro comprométese a seguir traballando e promovendo hábitos saudables, tanto no eido da alimentación como da actividade física. Debemos traballar a prol dunha educación integral que, máis aló dos contidos curriculares, axude ao crecemento saudable das persoas  e da sociedade.

O ano pasado conseguistes tamén o distintivo de centro educativo inclusivo…

Si (ri), estamos levando moitos premios ultimamente. Púxose en marcha un proxecto boísimo, con moitas actividades co alumnado do centro que calaron na sensibilidade de todos. Foi recoñecido co primeiro premio ás boas prácticas en educación inclusiva, e ademais tamén supuxo unha inxección económica de 5000€ que se están a investir en novas actividades inclusivas. A verdade é que participamos en todos os proxectos que nos parecen interesantes. Temos moita sorte de ter un claustro de profesorado moi activo e implicado que ten unha enorme capacidade de traballo.

Onde está para ti o ‘éxito educativo’?

En acadar o mellor para cada un dos nosos alumnos.