Skip to main content
Triacastela

A Xunta transfire ao Concello de Triacastela un antigo tramo da estrada LU-633

Por 12 Marzo, 2021Sin comentarios

O Consello da Xunta vén de aprobar o cambio de titularidade, a prol do Concello de Triacastela, dun treito antigo da estrada de Pedrafita do Cebreiro a Palas de Rei (LU-633) coincidente co trazado do Camiño Francés.

O Concello solicitara a transferencia deste tramo en curva, que se sitúa á altura do punto quilométrico 28 na saída da capitalidade do municipio, para destinalo a uso público e de recreo.

O tramo mide uns 112 metros de lonxitude e o ano pasado foi obxecto de traballos de acondicionamento, nos que o Goberno autonómico investiu 45.000 euros.

Tramo que se vén de transferir

As obras comprenderon a reposición do firme da calzada e a instalación dunha barreira de seguridade para protexer a nova zona de lecer con respecto á calzada da estrada autonómica. A intervención incluíu ademais a nivelación do espazo entre ambos viais para a súa humanización con zonas verdes e a colocación de mobiliario urbano.

Co cambio de titularidade aprobado este xoves, o Concello de Triacastela terá a competencia para actuar nesta vía e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.